bispo diocesano de Tui-Vigo
Biografía
Don Luis Quinteiro Fiuza nace en Sabrexo (Vila de Cruces, Pontevedra,
Arquidiocese de Santiago de Compostela) o día 26 de xuño de 1947. Ingresa no
Seminario Menor de Belvís de Santiago de Compostela en 1958. Uns anos despois,
en 1966, sendo seminarista maior, comeza os seus estudos teolóxicos na
Pontificia Universidade de Comillas (Santander) e, trasladada esta Universidade
a Madrid, obtén o grao de Licenciado en Teoloxía e realiza os cursos de
doutoramento.
En xuño de 1971 é ordenado presbítero en Madrid, na Igrexa do I.C.A.I. dos
Xesuítas.
En 1978 vai a Roma para ampliar estudos na Pontificia Universidade Gregoriana. Durante esta estancia na Cidade Eterna, especialízase en Filosofía Contemporánea e realiza varios cursos e seminarios sobre o estudo e pensamento de Karl Marx.
En 1981 asiste en Alemaña a uns cursos da Hochschule für Philosophie de Munich.
É Doutor en Filosofía pola Pontificia Universidade Gregoriana de Roma, cunha
tese sobre o Realismo Transcendental, na que obtén a cualificación de Summa cum
laude.
Na súa Diocese de orixe desenvolveu un intenso labor pastoral e intelectual:
Coadxutor (Vigairo Parroquial) da Parroquia de San Xoán, Director da Residencia
Universitaria “Burgo das Nacións”, Formador e Profesor do Seminario Menor, e
Capelán da Residencia Universitaria “Padre Míguez”, das relixiosas Calasancias
da Divina Pastora.
No ano 1982 é nomeado Profesor do Instituto Teolóxico Compostelán e director do
Centro de Formación Teolóxica de Segrares da Arquidiocese. No ano 1992, Director
do Instituto Teolóxico Compostelán, e en 1997, Reitor do Seminario Maior de
Santiago de Compostela.
En 1999 o Beato Xoán Paulo II noméao Bispo Titular de Fuerteventura e Auxiliar
de Santiago de Compostela, sendo ordenado o 19 de xuño seguinte. O seu lema
episcopal Beati Misericordes (Mt 5,7), recolle unha das Benaventuranzas, na cal
o Señor invita aos seus discípulos a percorrer o camiño da misericordia, que ten
o seu punto de partida na Misericordia de Deus manifestada no seu Fillo
Xesucristo.
No ano 2002 é designado Bispo de Ourense, Diocese na que permaneceu sete anos.
Pertence na Conferencia Episcopal Española á Comisión Episcopal da Doutrina da
Fe e á de Migracións, sendo nesta última o Bispo Promotor do Apostolado do Mar.
O 28 de xaneiro do 2010 fíxose público o seu nomeamento como Bispo de Tui-Vigo.
Na Santa Igrexa Catedral de Tui, toma posesión o día 24 de abril de 2010; e no día seguinte realiza a entrada na Con-Catedral de Vigo.
Enderezo:
Dr. Corbal 90, 36207 Vigo
Tel. 986 375 153
Móbil: 679 745 577
Secretario: Rvdo. D. David López Castro
Móvil 646 728 601
davidsecretario@diocesetuivigo.org
Secretaria: Srta. Sheila María Santos García
Móbil 610 203 429
secretarioobispo@diocesetuivigo.org
DESCRICIÓN HERÁLDICA DO
ESCUDO EPISCOPAL
DE MONS. LUÍS QUINTEIRO
Existe un antigo costume -que os Bispos adoitan continuar na actualidade-,
consistente en elaborar un escudo heráldico para quen é nomeado Bispo. Máis que
un escudo de armas ou de liñaxe, hoxe converteuse nunha especie de marca ou
expresión dos propios ideais espirituais.
O escudo de Mons. Quinteiro Fiuza que aparecerá tamén no selo dos
documentos que firme consta do capelo verde episcopal orneado lateralmente con
dous cordóns e seis borlas cada un en tres ordes; acompáñanlle a mitra e o
báculo que son signos propios do Bispo. Unha bordadura de estrelas de prata en
campo de azur, rodea á Cruz de Santiago de gules, en campo de prata, levando no
seu centro unha venera en ouro. Ao pé, o lema elixido por el : “Beati
misericordes” .
Comentario dos símbolos
A mitra: serve para cubrir a cabeza do Bispo nas celebracións, como sinal
da preeminencia que lle corresponde entre os demais da Asemblea; pero simboliza
tamén o brillo da santidade que debe adornar a quen ten a plenitude do
sacerdocio.
O báculo: recorda artisticamente o cayado do Bo Pastor que debe ser o
Bispo, guiando na seu “actividade pastoral diocesana “ a grey que se lle
encomendou.
As estrelas: fan referencia ao descubrimento do sepulcro de Santiago
Apóstolo, patrón e evanxelizador de España, de tan fonda devoción para D. Luís.
A Cruz de Santiago e a vieira : novas referencias á procedencia de Mons.
Luís Quinteiro e insignias dos peregrinos a Compostela.
O lema “Beati misericordes”: recolle unha das Benaventuranzas (“Benaventurados
os misericordiosos”) que condensa o camiño cristián da felicidade e o estilo e
modo de ser do Deus manifestado en Xesucristo, tan cheo e rico en misericordia.