// NOTICIAS                     \\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\\                 
OFICINA DE INFORMACIÓN SERVICIO DE PRENSA
BISPADO DE  TUI-VIGO

Alberto  Cuevas  
Telf.: 986.411.773

VODAS DE OURO DE SANTA MARÍA COMO CONCATEDRAL, CENTENARIO DO ÓRGANO E BICENTENARIO DA PROCESIÓN DO CRISTO


6 de marzo de 2010

Este ano a Concatedral viguesa de Santa María está de festa por diversos motivos. Celébranse os primeiros cincuenta anos da designación do templo con ese rango, ao determinar o Papa XOÁN XXIII que a diocese pasase a denominarse de Tui-Vigo e, en consecuencia, Vigo pasase a compartir coa antiquísima cidade de Tui a capitalidade episcopal; cúmprense cen anos da instalación nesa igrexa do espléndido e monumental órgano de tubos que solemniza desde entón tantas celebracións; e conmemóranse tamén os douscentos anos de historia da procesión do Santísimo Cristo da Vitoria, de quen a Concatedral é cofre e morada.

Para gozar de tales efemérides o Párroco da Concatedral, Moisés Alonso Valverde, e o Deán do Cabildo, Xullo Andión, invitan a cantos o desexen, a participar nunhas sinxelas pero intensas actividades conmemorativas dos citados aniversarios. Así o luns día 8 de marzo, ás 8 da tarde, terá lugar no Centro Social Caixanova (C/ Policarpo Sanz 26,2º) unha conferencia titulada “A Colexiata de Vigo e o programa iconográfico dos seus mosaicos”, que impartirá Carlos Xastre, Doutor en Historia da arte.

O mércores, día 10 de marzo, ás 8,30 da tarde na Concatedral terá lugar un Concerto de órgano baixo o lema “Compositores centenarios no centenario dun órgano”. O organista invitado será D. Jorge Alves Barbosa, sacerdote diocesano portugués, licenciado en música sacra e diplomado organista litúrxico.

O sábado 13 de marzo, ás 12 da mañá, invitouse aos sacerdotes e fieis das parroquias de Vigo a que acudan á concelebración eucarística de acción de grazas, na Concatedral, e que ten un especial significado para o Cabildo catedralicio, que desde fai 50 anos comparte coa catedral tudense a duplicidade de sedes.

Outros actos conmemorativos  trasládaronse ao mes de agosto.