25 de abril de 2024

,

San Marcos
25 de abril de 2024

,

San Marcos

A primaveira eclesial de Francisco

A primaveira eclesial de Francisco

Artículo publicado en la sección de opinión del Faro de Vigo, 21 de marzo 2021

O día de San Xosé do ano 2013, coa celebración da Eucaristía de comezo de pontificado, arranca unha nova xeira para a Igrexa católica. E se a súa elección causara balbordo en Roma na tarde do día trece, non menos expectación causou a homilía que Francisco dirixiu ás persoas que participaban da celebración de comezo do pontificado.

Ao falar dos documentos do papa sempre se cita como texto programático a exhortación Evangelii Gaudium, pero é na homilía da Eucaristía do comezo do pontificado, onde o papa deixa claras, xa desde o principio, as claves do pontificado. Toda a homilía xira ao redor do compromiso de custodiar o mundo e ás persoas que nel vivimos. Para responder a esta vocación, a custodiariedade ha ser integral, o que supón abranguer a creación e a súa beleza; as persoas, todas, pero especialmente as máis fráxiles; a responsabilidade á hora de custodiar de quen ocupa postos de responsabilidade no ámbito económico, político e social. E isto non se pode levar a termo se non coidamos de nós mesmas, de nós mesmos, para que non acouguen en nós sentimentos de odio, envexa ou soberbia. O corolario final é a invitación a que sexamos persoas gardiás do medioambiente.

A pouco que coñezamos como se foron desenvolvendo os oito anos de pontificado de Francisco, estas cuestións estarán presentes nos cinco grandes documentos de maior calado maxisterial que foi publicando nos anos seguintes.

O primeiro deles, como diciamos, é a exhortación pastoral Evanglii Gaudium (novembro 2013), na que o papa desenvolve a idea da necesidade de ser unha Igrexa ao servizo das persoas, sen darlle as costas aos problemas do mundo, tal e como deixara ben claro o Concilio Vaticano II na Constitución sobre o diálogo da Igrexa co mundo. Porque o tempo é superior ao espazo, é fundamental evitar caer no universalmente continuo, esquecendo a xente e a pluralidade de situacións e vivencias nas que se desenvolven estes procesos. Desde aí, o papa aborda a necesidade de facer da renovación da Igrexa esixencia irrenunciable.

Un segundo texto de Francisco lévanos a poñer nome a esa custodia da creación desde a visión integral do mundo e todo canto o conforma. Laudato Si (maio 2015) incorpora unha visión integral da ecoloxía no ámbito da teoloxía desde unha perspectiva de transdisciplinariedade. As ciencias: sociais, económicas, políticas, técnico-científicas e medioambientais engloban unha reflexión teolóxica que ten como cerne a persoa e a súa dignidade nunha tarefa de diálogo cooperativo e nunca excluínte de todo saber que se preocupe polos seres humanos e por todo canto fai resaltar a súa humanidade.

Amoris Laetitia (marzo 2016) vén marcada por unha visión do amor, relación que une e achega ás persoas, desde a alegría de saber que o que une e necesita ser acompañada é a fraxilidade na que estas se ven inmersas ante as diferentes situacións que as relacións persoais van xerando na súa vida e na das súas familias. A urxencia dunha Igrexa humilde e sen ansia de imposición, marca o contido das propostas dun novo paradigma moral no eido da visión da sexualidade humanizadora e ao servizo da persoa. Acompañar, discernir e integrar a fraxilidade supoñen un abrente de esperanza para a moral católica.

Con Querida Amazonía (febreiro 2020), o soño de Francisco vén proposto desde a necesidade de inculturar a fe para, desde a cultura na que esta se propón, vive e desenvolve, se vaian dando resposta ás necesidades das persoas, crentes e non crentes, por ter unha vida na que se recoñezan a dignidade e a igualdade, sempre visibles, de todo ser humano, que nin dependen nin poden depender da sorte de ter nacido nun ou noutro hemisferio.

Finalmente na Fratelli Tutti (outubro 2020), o papa fai un chamamento para que neste noso mundo tan urxido polas présas e o cortoplacismo non nos desviemos nin confundamos o accesorio co fundamental. Só desde a fraternidade, pouso común que une, alenta, iguala e identifica ás persoas máis alá de crenzas, linguas, ideoloxías ou posición económica, podemos construír un mundo igualitario que rompa a tentación individualista e aposte polo compromiso social e polas cuestións da polis, da cidadanía. Un compromiso que non é exclusivo de ningún grupo de poder ou presión.

Pero neste camiño non todo ten sido primaveral; tamén os temporais invernais golpean o esforzo de Francisco para que a Igrexa non se afaste do Evanxeo. Porén, as tebras da pederastia, das protestas e contestacións dos grupos máis integristas, do poder da curia ou dos atrancos para que a muller ocupe o lugar que durante anos se lle negou na Igrexa, non fan recuar o compromiso de Francisco.

Convicción e teimosía evanxélica móstransenos nunha linguaxe sempre creativa como agasallo desde onde primerear no poliedro do mundo no que, sendo Igrexa sinodal, saibamos discernir con alegría cal ten que ser o servizo da fraternidade social.

Clodomiro Ogando Durán

Profesor de Teoloxía Moral Social Instituto Teolóxico de Vigo

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp