Como xa se ten publicado neste xornal, este ano a Diocese de Tui -Vigo está de festa; porque festa é celebrar os cincuenta anos da constitución de catorce novas parroquias na cidade de Vigo.
O artífice da decisión que dou lugar non só á creación das parroquias senón, o que é máis importante, ao cambio pastoral da presencia da Igrexa na cidade que despegaba por mor da industrialización que se viña dando desde a segunda metade dos anos sesenta, foi o Bispo José Delicado Baeza. Un bispo novo, dos chamados do Concilio, que había xusto un ano que aterrara, desde a súa querida Almansa (Albacete), na nosa Diocese.
Coa chegada de Monseñor Delicado a Tui-Vigo ábrese nesta Diocese a xanela para que puidese entrar o aire renovador ao que fixera referencia Xoán XXIII ao convocar o Concilio Vaticano II. Delicado, home de ampla formación pastoral e profundo coñecedor dos textos do Vaticano II, non dubida en poñer en marcha o aggiornamento eclesial nesta Diocese. E unha das primeiras cuestións nas que se implica é a da darlle un novo pulo pastoral á cidade de Vigo, tentando acompasar o despregue industrial e social co despregue pastoral desde uns criterios de comuñón e participación
Non dubida o Bispo en dar pasos de renovación e cambio que puxeran á Diocese na xeira das directrices pastorais do Concilio. Unha das primeiras decisións foi continuar, con decisión e convicción, o traballo comezado no final do episcopado do seu antecesor, Monseñor López Ortíz, de crear novas parroquias na cidade de Vigo. A tal fin pubrica, o cinco de outubro de mil novecentos setenta, unha pastoral que marcará un fito no seu maxisterio e na orientación pastoral do seu curto pero intenso episcopado na Diocese.
A carta Pastoral que da pé a este gran cambio leva por título, “Pastoral Urbana y Reestruturación Parroquial en Vigo”. Nela quere ofrecer e explicar os criterios desde os que considera a necesidade desta nova distribución da realidade parroquial na cidade de Vigo. Criterios que veñen urxidos polos documentos do Concilio Vaticano II e pola necesidade de ilos poñendo en práctica. Nun texto non moi amplo (doce páxinas), presenta estes criterios seguindo o método, tan presente nos textos sociais, do ver, xulgar e actuar. Isto supuña, por vez primeira nunha pastoral dun Bispo desta Diocese, un traballo previo de análise sociolóxica por parte de expertos na materia para coñecer cal e como era a realidade, así coma as respostas a dar ante esa situación. Por vez primeira, a socioloxía pasa a conformar a metodoloxía interdisciplinaria na pastoral dun Bispo da Diocese. Calquera decisión había estar avalada nos datos que aportaban outras materias non relacionadas directamente nin coa Teoloxía nin co Dereito Canónico. Unha vez definida a realidade, coas súas carencias e as súas capacidades, lévase a cabo un traballo de comuñón intraeclesial con sacerdotes e segrares, para que traballasen en comuñón. Froito daquel traballo, sempre desde unha eclesioloxía de comuñón (sinodal, diríamos hoxe linguaxe de Francisco), tómase a decisións de erixir catorce novas parroquias. A busca da comuñón de comunidades triunfaba e inseríase no proxecto pastoral do Bispo Delicado Baeza.
O que propón a pastoral non son só razóns de funcionalidade para crear as parroquias, senón que busca responder ao chamado do que o Concilio de desenvolver unha pastoral misioneira; coa que concretar un actuar misioneiro no que a acollida, a dimensión humana, a cercanía, a implicación na realidade social ou a colaboración con outros grupos ou asociacións existentes nos barrios onde se ían crear as parroquias marcasen o camiño a seguir desta nova pastoral evanxelizadora e para e coas persoas.
Para que tal obxectivo se conseguise, foi necesaria a realización de cursiños sobre pastoral urbana que axudasen a comprender e a involucrar nunha mesma tarefa, en liña misioneira, a curas e a segrares, rompendo a tendencia ao individualismo parroquialista, e apostando pola supraparroquialidade.
Seguindo os criterios conciliares de inserción, inculturación, compromiso e presenza, manifesta o Bispo que “a pastoral esixe unha continuada, unha incesante creación. Nada se opón tanto como o individualismo, a rutina, a inercia, o desánimo”.
Que mellor ocasión que achegarnos ao texto do Bispo Delicado para entender as razóns e o porqué deste cambio pastoral tan fundamental para o desenvolvemento da labor evanxelizadora da Igrexa de Tui-Vigo. Cambio que hoxe, nun contexto distinto, Francisco, nos pide a toda Igrexa.
Clodomiro Ogando.
Profesor de Teoloxía Moral social. Instituto Teolóxico S.Xosé.Vigo