17/06/2021

,

San Alberto Chmielowski
17/06/2021

,

San Alberto Chmielowski

Ecoteoloxía e fraternidade

Ecoteoloxía e fraternidade

O día 24 de maio, clausúrase a semana do “Aniversario da Laudato si”. O papa Francisco chámanos a ter unha actitude proactiva e creativa, “porque sabemos que as cousas poden cambiar” (L.S.13). Un cambio concretado en actitudes de presenza activa permanente: a ecoloxía non é unha loa bucólica á natureza, por iso non hai cambio sen implicación nin risco.

Nesta tarefa, e desde un desenvolvemento transversal, as comunidades cristiás non poden quedar á marxe dunha cuestión que afecta ás persoas (o Sínodo da Amazonía é unha invitación a non poñerse de perfil ante os retos do mundo actual), a todas as persoas, porque a degradación ambiental é froito da degradación antropolóxica. De aí que se a antropoloxía non pon o centro da súa reflexión na defensa da persoa e da dignidade que sempre a acompaña, dificilmente se poderá facer teoloxía asumindo ser imaxe e semellanza aberta á fraternidade universal. O Deus pensado e o Deus vivido non camiñan en escisión, senón na complementariedade dunha presenza que, cos ollos postos no mundo e nos seus problemas, busca romper coa inercia de que as cousas son así e non poden ser doutro xeito. A irmandade que abrangue a todas as persoas, por riba de credos, razas, continentes, linguas ou relixións alcánzanos e cuestiona o noso actuar.

As Teoloxías da praxe nacidas ao abeiro do Concilio Vaticano II deron lugar a unha abundante obra sobre a interacción entre a persoa e o planeta escrita desde a sensibilidade moral. Hans Küng, Leonardo Boff, Jürgen Moltman, Rafael Luciani, Ivonne Guevara, Pepa Torres, Nancy Cardoso, Consuelo Vélez… son teólogos e teólogas con preocupación pola degradación medioambiental e, como consecuencia, pola exclusión, a indiferenza e o descarte, en palabras de Francisco, que sofren as persoas.

Nun momento no que urxe posicionarse diante de posturas belixerantes que teñen a rendibilidade como criterio único de actuación e a ganancia como obxectivo, ecoloxía e teoloxía ábrense a camiños de diálogo, tratando de atopar solucións ao problema medioambiental e ao coidado dese común que compartimos chamado “Casa”. Unha reflexión situada na praxe e desde o diálogo relacional fará posible e crible a necesaria alianza dunha ecoloxía humana (Xoán Paulo II, Bieito XVI) do coidado que responda ao “viu Deus que era bo” do libro da Xénese .

A ecoteoloxía, fiel á terra e a canto nela vive, ilumina, compromete e ofrece razón para que nos impliquemos na súa defensa, sen deixar que ninguén quede á marxe. Desenvólvese desde unha mirada da realidade que urxe a tomar conciencia de que a degradación ecolóxica non é máis que un punto no proceso da degradación humana: sen casa que acubille, dificilmente creceremos e viviremos coa plenitude á que nos chama quen todo o puxo ao noso dispor (Sal. 8).

A urxencia coa que Francisco aborda este problema do coidado da Casa Común (L.S.), leva a tomar conciencia de que este non é un problema duns poucos; ao contrario, a degradación do planeta é tan forte e avanza tan rápido, que se se mostra como un problema global, que precisa unha resposta tamén global.

Este camiño, que compromete aos diferentes ámbitos da teoloxía, corresponde moito máis directamente á Teoloxía Moral, como reflexión que se ocupa de aportar argumentos e dar razóns que orienten e dean sentido ao actuar cotián das persoas, de aportar propostas que rompan coa tentación da abstracción teolóxica, e se abran, sincera e lealmente, a traballar desde propostas ecoteolóxicas.

A clausura deste ano da Laudato si, aprémanos a reflexionar, e a actuar, porque o compromiso medioambiental converteuse nunha cuestión fundamental para as persoas, crentes ou non.

Neste camiñar tendendo pontes é necesaria a presenza de propostas ecoteolóxicas no COP26 (cumio do clima), a celebrar do 1 ao 12 de novembro en Glasgow (Escocia). Alí, as persoas representantes dos países participantes teñen que anunciar cales son os seus plans para cumprir cos obxectivos dos acordos de París.

Os retos que se abren invítannos a unir esforzos para que os intereses economicistas non se poñan por riba do coidado da Casa Común que compartimos e que nos fai sentírmonos en familia a quen nela vivimos.

¡Benia a ecoteoloxía a darnos razón de esperanza neste compromiso por coidar a obra que Deus puxo nas nosas mans!

Clodomiro Ogando

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on email
Email
Share on whatsapp
WhatsApp