19 de mayo de 2024

,

San Francisco Coll
19 de mayo de 2024

,

San Francisco Coll

Ensanchar a tenda

Ensanchar a tenda

Artículo publicado en el Faro de Vigo, el lunes 2 de octubre de 2023.

O vindeiro catro de outubro ocorrerán en Roma dous fitos importantes en relación coa Igrexa Católica. O primeiro deles será que o Papa Francisco asinará e publicará un segundo texto do seu maxisterio sobre a ecoteoloxía e o coidado do medio ambiente, para ser sempre persoas custodias da creación como don sagrado de Deus. Este texto quere ser continuidade e complementariedade da súa anterior encíclica sobre esta mesma cuestión: a “Laudato Si“. A elección do día da publicación non é casual, senón unha decisión do mesmo Francisco, que quere que vexa a luz no día no que na Igrexa se celebra a festa de San Francisco de Asís, o Poverello.

O segundo destes fitos é que tamén o catro de outubro comezará en Roma a primeira xeira do Sínodo da Sinodalidade convocado por Francisco. Un Sínodo que por vez primeira acollerá leigos e leigas na aula conciliar con dereito a intervención e a voto. Leigos e leigas, maioritarios na Igrexa, que, inda que cunha presenza minoritaria, rompen o tabú de crer que o pobo de Deus, coma “Peter Pan“, non pode nin quere crecer, e polo tanto non ten capacidade de decidir, precisando da “voz adulta, sabia e formada” de bispos e curas que decidirán, impoñerán e controlarán que non descarreiren. A porta aberta pola decisión de Francisco ao respecto da súa presenza no Sínodo supón un paso adiante ante o cal xa non é posible recuar. O ben está feito. Só hai que ilo continuando de maneira constante, con présa e sen pausa, no eido das comunidades eclesiais e en todas e cada unha das realidades institucionais da Igrexa.

O Documento para a Etapa Continental do Sínodo, que levaba por título “Ensancha o espazo da túa tenda”, unha frase tomada do capítulo 54 do libro de Isaías, invitábanos a saír da nosa preguiza relixiosa e estrutural para camiñar, con esforzo, si; pero tamén coa alegría de quen sabe que no comezo, no camiño e no remate, non vai nin en soidade nin sen rumbo. Cómpre que a mirada se deslocalice para que non sexa nostalxia dun pasado que foi; pero que xa non volverá ser, e comece a construír un xeito novo, respectuoso coa diferenza e capaz de entender que neste noso mundo plural tamén han ser plurais as formas de vivir nel. Isto pide que presente e futuro camiñen comprendendo e respectando esta poliédrica maneira de ir conformando as novas realidades familiares, o que non significa aceptar e dar todo o novo por bo. Todo isto precisa dun esforzo por ensanchar a tenda desta Casa común chamada mundo.

Ensanchar a tenda supón deixar que o Espírito sexa acollido na andaina comunitaria e persoal das persoas que conformamos as comunidades cristiás. Ensanchar a tenda é apostar por superar medos e abrir novos camiños, con dúbidas, si, pero sen poñer acotes aos temas a tratar na aula sinodal. Ensanchar a tenda supón poñerse en disposición de vencer a tentación de volver a tempos que xa foron e nunca máis -para ben- volverán, nin na Igrexa nin na sociedade. Ensanchar a tenda pide de todas e todos nós superar prexuízos sobre culturas que moitas veces descoñecemos, pero sobre as que poñemos a nosa mirada escrutadora con xuízo incluído. Ensanchar a tenda pide finalmente esforzarnos para que sexan os criterios evanxélicos, non os criterios de tradición ou costume, os que nos movan a non deixar de valorar a dignidade compartida por riba das normativas froito dun tempo, unha cultura ou unha maneira de comprender a realidade.

Esforcémonos por aceptar o convite do documento sinodal. Poñámonos na xeira de ensanchar, sen medos e con convencemento, a tenda do diálogo e da busca de pontes polas que pasar mutuamente, desbotando atrancos que impiden, nunha e noutra beira, superar incomprensións e prexuízos mutuos entre a Igrexa e a sociedade.

Porque dentro da tenda hai espazo para todas as persoas que están, pero tamén para as que queiran vir, inda que se sentan diferentes, diversas, distintas ou pouco habituais. A nosa tarefa como crentes está en ensanchar a tenda da acollida, do recoñecemento, da igualdade e da colaboración recíproca para que ningunha persoa quede fóra.

Esforcémonos, xa que logo, por camiñar conxuntamente desde os diferentes niveis da realidade eclesial, respondendo así á misión que se nos confiou co “ide e pregoade” de Xesús aos discípulos (Mt 28, 16-20).

Clodomiro Ogando Durán

Centro Teolóxico S. Xosé de Vigo

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp