17 de julio de 2026,
Santa Marcelina

Fe e compromiso social

Fe e compromiso social
FOTO. - El papa León XIV durante su visita al centro CEDIA 24 de Cáritas Madrid | © J. J. Guillén / EFE

Publicado en «Faro de Vigo» el 9 de junio de 2026.

Se algo vai deixando a modo de semente a palabra que o papa León pronuncia nos diferentes ámbitos e contextos nos que se está a mover na súa visita apostólica e evanxelizadora a España, é a de que a fe non é unha abstracción para quedarse dentro dos templos ou de calquera outro espazo dos chamados sagrados. Abofé que non, porque no ADN do cristianismo, católico ou non, está sempre resoando caridade. Isto é: o compromiso, a concreción, a aterraxe na realidade a na vida das persoas de cada día e de tódolos días con e desde o amor. E contra o que moitas veces podemos escoitar desde certas espiritualidades desencarnadas e atemporais, o evanxeo urxe a desenvolver a misión na inserción do concreto, do real, do que está acontecendo, porque so así pode converterse en boa nova de esperanza para as persoas e para a sociedade.

Volvendo á visita, ímonos dando conta que a pesares das análises previas dos «entendólogos» da realidade sociopolítica, aqueles que monotematicamente todo o ven coas lentes da lectura política, o maxisterio do papa León vainos mostrando a dimensión social e caritativa da fe. Termos habituais no maxisterio social como dignidade, centralidade da persoa, rearme moral, rexeneración social, dereitos da clase traballadora, solidariedade e calquera outro que se mova no ámbito da Teoloxía Moral Social poñen de manifesto que esta visita vai deixar necesariamente pegada de acción e compromiso nas persoas crentes, teñan a idade que teñan. Porque o labor da Igrexa, coas súas luces, que as ten, e as súas sombras, que non son poucas, hai séculos que se vén desenvolvendo na sociedade como concreción do carus latino que vai máis aló da beneficencia ou do dar o que sobra (Lc 16,19.31). A caridade enraíza na capacidade de mirar ás persoas desde a igualdade compartida nunha fraternidade que nos iguala e que non fai diferenza entre persoas. Todo bastante lonxe dun simple tranquilizar conciencias que autoxustifique bondades individuais a expoñer nesa pantalla xigante chamada redes sociais, na que parece que nada existe se nela non se mostra.

O papa invita a unha mirada tranquila e ergueita que, desde a reflexión sosegada, é capaz de levar ao compromiso real e efectivo por cambiar as cousas. E así , sen necesidade de utilizar nin o berro nin a desconsideración de quen pensa o contrario, foino mostrando na vixilia da mocidade, na homilía da Eucaristía do día do Corpus ou mesmo na súa alocución no Parlamento español.

Falando desde o seu ser católico, e dirixíndose ao pobo español e aos seus representantes alí presentes e democraticamente elixidos, nesta perspectiva de non ter medo a erguer a mirada, as súas foron unhas palabras para todos e todas, sen excepcións partidistas nin sesgos ideolóxicos. Unha reflexión desde a necesidade de construír unha sociedade que non esqueza as súas raíces nin se deixe levar polo materialismo que todo o converte en poder, rédito económico e baleiro interior. E sempre sen caer na polarización e a desconsideración de quen non pensa igual

Finalmente, os tres encontros que ao longo desta visita apostólica e evanxelizadora vai desenvolver: no centro CEDIA 24 de Cáritas Madrid, a visita ás presas do cárcere de Briáns en Barcelona e o encontro, que xa non puido realizar Francisco, en Canarias coas persoas migrantes que chegan nos caiucos e os voluntarios e voluntarias das asociacións da Igrexa e de fóra da Igrexa que os acollen e serven. non fan máis que poñer de manifesto e insistir en que a fe nin é algo abstracto, afectivo e desencarnado nin tampouco un activismo social que esmorece na intrahistoria de cada situación. Acción e espiritualidade camiñan xuntas inculturándose como o Xesús que pasou polo mundo facendo o ben, e testemuñando coa súa vida; á vez que invitaba a anunciar co testemuño ás persoas chamadas a seguilo. E este servizo ás persoas invisibles da nosa sociedade ha ser sempre urxencia irrenunciable para unha Igrexa na que toda causa a prol da dignidade humana ha atopar sempre eco no seu corazón (G.S.1).

Ergamos logo a mirada sen medo e sigamos tamén mirando aos lados para poder camiñar de fronte cara esa plenitude de transcendencia na que as persoas crentes seremos examinadas de amor.

Clodomiro Ogando, sacerdote y profesor de Teología Moral