16 de Xuño de 2024

,

Juan Francisco de Regis
16 de Xuño de 2024

,

Juan Francisco de Regis

25 anos da Irmandade do Rocío en Vigo

25 anos da Irmandade do Rocío en Vigo
FOTO.- Procesión con la imagen de la virgen del Rocío | © Ramón Vega

A Irmandade da Nosa Señora do Rocío en Vigo celebra, en 2024, as súas vodas de prata, é dicir, o 25 aniversario da súa fundación. Coincidindo coa festa da virxe “rociera”, o 19 de maio, a Irmandade, que na actualidade conta con 105 membros, celebrou esta efeméride nunha eucaristía solemne cantada polo coro da Casa de Andalucía en honra á  Raíña das Marismas, seguida de procesión polas rúas da cidade e danzas ao ritmo de sevillanas para honrar á virxe

En 1999 , fundouse a primeira xunta de goberno da Irmandade da Nosa Señora do Rocío en Vigo. O 23 de maio dese mesmo ano, festividade da Branca Pomba, levouse  a cabo a primeira imposición de medallas a 47 irmáns e irmás —12 mantéñense devotos na actualidade á irmandade—. E máis adiante, en 2006 , o bispo Mons. José Diéguez aprobou os estatutos que a converteron nunha asociación diocesana de fieis co obxectivo de promocionar a vida cristiá «en fidelidade á doutrina da Igrexa, por medio do amor a Xesús Eucaristía, a devoción á benaventurada virxe na súa advocación da nosa señora do Rocío, e a práctica da caridade e convivencia fraterna».

Con todo, as orixes da Irmandade remóntanse ao ano 1995, durante unha dobre peregrinación da parroquia ao santuario do Rocío e ao de Fátima . Enrique Simón, que asistiu a esa peregrinación e é irmán do Rocío desde 1999, lembra «a gran fe que se mostraba cara á Sen Pecado e o Pastoriño Divino» no santuario de Almonte. «Foi entón cando empezou a xermolar na cabeza de D. Emilio Velasco —párroco naquel momento— a idea de traer toda esa alegría, esa fe, esa calor humana chea de amor, esa vida “rociera” á nosa parroquia», explica Enrique.

Baixo o lema «Nosa Señora do Rocío móstranos a Xesús», a Irmandade desenvolveu a súa actividade na parroquia a través da formación relixiosa, o amor a Xesús na eucaristía, o agarimo á virxe e o servizo ao próximo, sempre coa máxima de acrecentar a devoción á Branca Pomba. Deste xeito, a maiores dos actos ao redor da festa da patroa, os irmáns e irmás do Rocío reúnense cada primeiro sábado de mes para rezar o rosario e celebrar a misa en sufraxio dos membros falecidos, finalizando co canto do himno; organizan diferentes retiros e peregrinacións marianas ao longo do ano; visitan aos irmáns enfermos; e preparan unha festa de Nadal con chocolate e baile “rociero”.

Despois de 25 anos como irmá do Rocío, Rosa Sánchez cre que o reto agora está en conseguir que a xente nova contáxiese tamén da devoción á señora do Rocío.  Neste sentido, para consolidar a Irmandade e interiorizar o que significa ser irmán, Santiago Vega, actual párroco do Rocío en Vigo, explica que instauraron unha especie de “noviciado” durante o ano previo á imposición da medalla, porque «non é simplemente chegar e dicir “eu quero ser irmán”, non basta poñerse a medalla. Primeiro estás un tempo vivindo o que supón ser irmán, participando nas actividades da Irmandade e discernindo se nun futuro ti vas poder comprometerte. Hai que preguntarse: quero pertencer realmente á Irmandade? Vou poder comprometerme con iso?».

Ademais da eucaristía en acción de grazas, a parroquia da nosa Señora do Rocío celebrará as vodas de prata da súa Irmandade cunha peregrinación ao santuario da patroa en Huelva, que xa conta con medio centenar de persoas rexistradas. Tamén, con ocasión deste 25 aniversario, a Real Fábrica de Tapices de Madrid elaborou un vestido para a talla da virxe, que se suma ás ofrendas realizadas en anos anteriores: un rostrillo e unha media lúa de metal con 2 de estrelas.  

25 aniversario de la Hermandad del Rocío en Vigo | © Ramón Vega
« de 18 »
Facebook
Twitter
Email
WhatsApp