19 de Novembro de 2026,
San Abdías

400 persoas da diocese de Tui-Vigo peregrinan a Fátima en Portugal

400 persoas da diocese de Tui-Vigo peregrinan a Fátima en Portugal
FOTO.- Peregrinos y peregrinas de la diócesis de Tui-Vigo en la explanada del santuario luso de Fátima | © Noelia Reyes

Durante esta fin de semana, do 25 ao 27 de setembro, unhas 400 persoas da diocese de Tui-Vigo peregrinaron ao santuario de Fátima, en Portugal, acompañadas polo bispo monseñor Antonio Valín. Durante esta fin de semana, tiveron a oportunidade de profundar na mensaxe da Virxe en terra lusas e, tamén, participaron en diferentes actos na contorna do santuario: o rezo do viacrucis, a procesión dos fachos ou a eucaristía internacional.

O sábado pola mañá, deu comezo a peregrinación de forma oficial coa entrada do grupo na Capelinha. Alí, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, ante a imaxe da nosa Señora de Fátima, realizou o saúdo á Virxe María, pedindo polas intencións de cada un dos fieis da diocese e lembrando de maneira especial ás persoas privadas de liberdade que se atopan no Centro Penal da Lama, o cal visitou o pasado xoves 24, festa da Virxe da Mercé.

Ao longo desa xornada, os peregrinos realizaron o exercicio do viacrucis e tamén tiveron oportunidade de achegarse ao sacramento da Reconciliación. Pola noite do sábado, tras a misa presidida polo bispo de Tui-Vigo na Capelinha, participaron no rezo do rosario e a procesión de fachos pola chaira do santuario.

O domingo, coincidindo co Encontro Nacional de Scouts Católicos de Portugal, o grupo da diocese de Tui-Vigo asistiu á misa internacional que presidiu Mons. Andrés Carrascosa Coso, nuncio apostólico do papa León XIV en Portugal, acompañado polo bispo de Tui–Vigo e numerosos sacerdotes. Tras a celebración, os preto de 400 peregrinos tiveron a oportunidade de compartir unha comida fraterna con monseñor Antonio Valín.

Con esta peregrinación, a delegación de Pastoral de Santuarios e do Turismo alcanza os obxectivos expostos no Plan Pastoral 2025-2026: recuperar as peregrinacións como vehículo ordinario de coñecemento de persoas e lugares, que viven a mesma fe, á vez que dá a coñecer esas novas realidades para animar a outros a que fagan ese mesmo camiño.

Peregrinación diocesana a Fátima 2026