14 de Abril de 2026,
San Telmo

60 persoas recibiron o sacramento da Unción, durante o Xubileu dos Enfermos

60 persoas recibiron o sacramento da Unción, durante o Xubileu dos Enfermos
FOTO.- Participantes en la eucaristía, al final de la misa | © Diocese de Tui-Vigo

Coincidindo coa Pascua do Enfermo, que a Igrexa en España celebra o VI domingo de Pascua, o domingo 25 de maio, a catedral de Santa María de Tui acolleu a celebración do Xubileu dos Enfermos e do Mundo da Sanidade, enmarcado no Ano Santo que vive toda a Igrexa universal, baixo o lema «Peregrinos de esperanza». O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidiu a eucaristía, que contou cunha ampla participación de fieis, entre os que se atopaban enfermos, axentes sanitarios, familiares e voluntarios da Pastoral da Saúde.

Un dos momentos máis emotivos da tarde foi a administración do sacramento da Unción de Enfermos a 60  persoas, que o recibiron de mans do bispo e dos sacerdotes concelebrantes, nun xesto de consolo, fortaleza e comuñón con toda a Igrexa. En relación a este sacramento, o prelado expresou que «o óleo co que imos ser unxidos transmítenos o amor e a forza de Deus en momentos de debilidade. Deus quere facerse presente nesa debilidade e lembrarnos que non estamos sós».

Durante a súa homilía, o prelado tudense lembrou que, «durante este tempo de Pascua, a Igrexa anuncia que Cristo, o fillo de Deus, vive para sempre. Cando miramos ao Resucitado, descubrimos o amor que Deus nos ten a cada un de nós; un amor que se fai realidade nunha chea de palabras e xestos, que se concretiza nunha relación persoal con cada un de nós e que nos convida á salvación».

En relación ao Xubileu 2025, que o papa Francisco convocou baixo o lema «Peregrinos de esperanza», monseñor Antonio Valín subliñou a importancia de aprender a recoñecer os signos de esperanza que hai no mundo e nas persoas, tal e como se expresa na bula de convocatoria do Ano Xubilar. Neste sentido, obispo exhortou aos presentes para ser eses signos visibles e tanxibles de esperanza: coidando aos enfermos, acompañando a outras persoas, ofrecendo unha caricia ou palabra amable, valorando ao pequeno por encima das cousas grandes ou traballando de forma desinteresada e cariñosa polo ben dos demais.

O bispo de Tui-Vigo finalizou a súa intervención expresando que, «hoxe, queremos celebrar o amor de Deus que se fai presente no noso corazón e en cada persoa que nos atopamos; queremos celebrar o amor de Deus que nos acompaña en cada  situación, en cada momento, en cada acontecemento que nos toca vivir e sufrir. Todo iso, dános esperanza».

Antes de finalizar a eucaristía, compartiuse o testemuño de dúas persoas enfermas que agradeceron o labor dos voluntarios da Pastoral da Saúde e do persoal sanitario; tamén compartiron a súa acción de grazas a Xesucristo  que, no medio do sufrimento e da dor, ofrécelles a paz e o consolo a través dos sacramentos. Tamén, varios usuarios do Hogar-Clínica Santo Rafael en Vigo realizaron, ao comezo  da celebración, unha breve representación catequética, para explicar o significado do logo do Xubileu 2025.

Pascua y Jubileo del Enfermo (2025) | © Diocese de Tui-Vigo
« de 20 »

As delegacións de Pastoral da Saúde de Galicia, simultaneamente e en distintos lugares da comunidade autónoma, celebraron esta eucaristía  para que as persoas que, entre o 5 e o 6 de abril, non puideron asistir ao xubileu en Roma, puidesen celebrar o Xubileu dos Enfermos e do Mundo da Sanidade. Así, foron invitados enfermos, a coidadores, profesionais da saúde e sanitarios, visitadores parroquiais e profesionais dos centros sociosanitarios.

A Campaña do Enfermo deste ano, en consonancia co Xubileu 2025, leva por lema «En esperanza fomos salvados». A Igrexa en España inicia esta campaña o 11 de febreiro, festividade da Virxe de Lourdes, coa Xornada do Enfermo a nivel mundial, e péchase o VI domingo de Pascua, este ano o 25 de maio.