19 de Novembro de 2026,
San Abdías

A Adoración Nocturna de San Paio de Navia celebra 125 anos de historia cunhas xornadas dedicadas a Luís de Trelles

A Adoración Nocturna de San Paio de Navia celebra 125 anos de historia cunhas xornadas dedicadas a Luís de Trelles

A sección da Adoración Nocturna Española (ANE) da parroquia de San Paio de Navia conmemora este ano o 125 aniversario da súa fundación, unha historia que comezou o 7 de decembro de 1901, cando un grupo de adoradores celebrou a primeira Vixilia para acompañar durante a noite a Xesús Sacramentado.

Desde entón, numerosas xeracións de adoradores mantiveron viva na parroquia esta tradición de oración, adoración eucarística e servizo á Igrexa. Con motivo deste aniversario, a sección quere facer memoria de quen a precedeu, agradecer o testemuño de quen continúa actualmente esta misión e mirar tamén o futuro, confiando en que novas xeracións poidan recoller a testemuña.

Ao longo destes 125 anos, a sección contou co acompañamento de distintos sacerdotes. A comunidade lembra especialmente a D. Emiliano Quirós, D. Eduardo Alonso, D. Eduardo Barreiro, D. José Álvarez, D. José Costas e o actual párroco, D. Alfredo Jorge Carrera, polo seu acompañamento e guía espiritual. A sección ten ademais como patroa á Inmaculada Concepción, baixo cuxa protección procurou manter vivo o espírito da Adoración Nocturna.

Unhas xornadas ao redor de Luís de Trelles

A celebración do aniversario terá como eixo unhas xornadas dedicadas a Luís de Trelles, fundador da Adoración Nocturna en España, que se desenvolverán os días 18 e 19 de setembro en Navia.

As xornadas comezarán o venres 18 de setembro, ás 19.00 horas, no Auditorio do Centro Cultural, coa presentación das actividades a cargo de Beatriz Bergera Losa, vogal do Consello Nacional de ANE para a causa de canonización de Luís de Trelles e coordinadora da súa Fundación. A continuación, Ángel Manuel Rodríguez González, tesoureiro do Consello Nacional de ANE e patrón da Fundación Luís de Trelles, ofrecerá un relatorio sobre A Lámpada do Santuario, revista eucarística fundada por Trelles en 1870.

O sábado 19 de setembro, as actividades continuarán ás 11.00 horas co rezo da Hora Terza. Ás 11.30 horas, Carmela Pérez Bustelo, vicepresidenta da Fundación Luís de Trelles, pronunciará o relatorio «Luís de Trelles, defensor dos marxinados». Pola tarde, ás 16.30 horas, Beatriz Bergera Losa abordará «O espírito fundacional da Adoración Nocturna en España».

A xornada concluirá cos actos centrais do aniversario. Ás 19.00 horas terá lugar a recepción e inscrición das seccións participantes no Salón Parroquial. A continuación, ás 19.45 horas, celebrarase a procesión de bandeiras e o rezo do Santo Rosario. O momento principal será a Solemne Vixilia Eucarística conmemorativa do 125 aniversario da fundación da sección de San Paio de Navia, que comezará ás 20.30 horas.

Unha historia nada do amor á Eucaristía

Luís de Trelles e Noguerol (Viveiro, 1819 – Zamora, 1891) dedicou boa parte da súa vida para promover a adoración eucarística. En 1877 estableceu en España a Adoración Nocturna, inspirándose nas asociacións eucarísticas que xa existían en Francia, e traballou ata o final da súa vida por estender esta forma de oración e acompañamento nocturno ao Santísimo Sacramento.

A Igrexa estuda actualmente a súa causa de beatificación, e é recoñecido como Venerable Servo de Deus Luís de Trelles e Noguerol. A súa espiritualidade continúa sendo unha referencia para os adoradores nocturnos.

Con motivo deste aniversario, a sección de San Paio de Navia quere facer destes 125 anos unha ocasión para dar grazas por unha historia de fe recibida e compartida, lembrando especialmente a todos os adoradores que formaron parte dela e poñendo en mans do Señor o futuro desta obra. Como escribiu Luís de Trelles: «Non pode haber ocupación mellor, nin que máis ben responda á vocación do cristián, que o Adorar a Cristo-Eucaristía».