18 de Abril de 2024

,

San Perfecto
18 de Abril de 2024

,

San Perfecto

A Asamblea Conxunta de Bispos e Sacerdotes

A Asamblea Conxunta de Bispos e Sacerdotes
Foto: © Cathopic.

Publicado en Faro de Vigo o 28 de setembro de 2021.

Neste mes de setembro conmemóranse os cincuenta anos da celebración dun dos fitos máis importantes da historia recente da Igrexa española: a Asemblea Conxunta de Bispos e sacerdotes. Un encontro que, por vez primeira despois da celebración do Concilio Vaticano II, xuntou a curas e bispos para escoitarse, dialogar e abordar un proceso de discernimento respecto a como concretar a posta en marcha de toda a riqueza dos documentos que xerara o Concilio.

A teoloxía do Concilio, onde se falaba dunha eclesioloxía de comuñón desde o compartir o ser Pobo de Deus; e na que a Igrexa se presentaba como Sacramento Universal de Salvación, esixía un novo xeito de acción pastoral que necesariamente tiña que afastarse da simbiose nacional-católica que xurdira despois do triunfo dos sublevados na guerra (in)Civil de 1936/39; e da xa famosa Pastora conxunta do 1937 dos Bispos españois. O bater das ás do Espírito urxía á Igrexa española a abandonar vellos esquemas e complicidades co Réxime franquista, abrindo un horizonte de renovación eclesial.

Unha parte non pequena dos curas, cada vez con maior conciencia de estar no mundo e ao servizo dos “gozos e esperanzas, das tristuras e angustias dos homes do noso tempo…(que) son á vez os gozos e esperanzas, tristezas e angustias dos discípulos de Xesús”(GS 1) quería responder á urxencia do concilio do “aggiornamento” das Igrexas locais.

En fidelidade a esta gran profecía do documento conciliar, e buscando prestar atención “aos sinais do tempos” á que nos urxía o mesmo documento, reuníronse en Madrid, do trece ao dezaoito de setembro do ano setenta e un, representantes dos curas de todas as dioceses españolas, que foran elixidos polos seus compañeiros logo da celebración das asembleas diocesanas, para debater as cuestións que habían ser abordadas neste encontro de diálogo e discusión cos Bispos. Comezaban a poñerse os cimentos dunha acción pastoral máis libre, participativa e dialogante.

Canto alí se abordou marcou as liñas de traballo pastoral e renovación eclesial da gran maioría das dioceses españolas. E máis alá de interpretacións políticas, que tamén as houbo, o que confluíu en Madrid naquel mes de setembro, foi a forza dunha parte do pobo de Deus, os curas, buscando tender pontes de entendemento cos bispos, moitos dos cales seguían a camiñar, por interese mutuo, coas institución do Réxime franquista na súa etapa final.

Inda que moitas veces a interpretación dos contidos da Asemblea se focalizou nunha lectura, mesmo interpretación, en clave política, o que alí se debateu, no sentido máis amplo do termo, foi un novo modelo de Igrexa e da súa presenza na sociedade española, xa en permanente ebulición e ilusionada cos novos tempos que se albiscaban. Un modelo que buscaba pasar de ser elite a ser semente chamada a crecer para dar o mellor dos froitos en forma de participación, afastamento do poder e corresponsabilidade, en virtude do sacerdocio común, dos demais membros do Pobo de Deus.

A Igrexa piramidal xa non era a imaxe que mellor mostraba o cambio que en toda a Igrexa se estaba a desenvolver. España non deixaba de ser católica, pero a Igrexa rompía os muros da cristiandade para ser unha Igrexa servidora e profética, voz das persoas sen voz, ao estilo dos profetas do Antigo Testamento, reivindicando a filiación que nos fai iguais en dignidade e dereitos.

Os cincuenta anos da súa celebración e ás portas do sínodo universal sobre a Sinodalidade son ocasión para achegarnos a uns textos que nos axuden a comprender por que a Igrexa española foi puntal, anos despois, na Transición do franquismo á democracia.

Clodomiro Ogando Durán

Instituto Teolóxico de Vigo.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp