O 13 de abril, durante a Asemblea diocesana de Catequistas que tivo lugar no Seminario Maior «San José» de Vigo, o bispo de Tui-Vigo expresou que «ser catequista é unha tarefa difícil, porque hai que implicarse, pero canto máis te implicas, máis te entusiasmas. Vexo que a vós iso tamén vos ilusiona» e lembrou a relevancia de «establecer un diálogo da catequese na nosa diocese», porque os catequistas «tedes unha gran formación e capacidade», que é necesario poñer en común para recuperar a vida das catequeses. O prelado tudense tamén subliñou que «se os nosos nenos e adolescentes se senten acollidos e valorados, serán bos cristiáns e mellores persoas. Verán a Igrexa con alegría e cunha esperanza marabillosa».
A Asemblea de Catequistas comezou coa intervención da psicóloga do Seminario Menor «San Paio», Mónica Villar, que impartiu a formación acerca das discapacidades na infancia e a adolescencia, ofrecendo algunhas orientacións para afrontar as sesións de traballo catequético. Leticia, catequista na parroquia de Santo Martín de Coia, compartiu algúns dos recursos que ela emprega nas súas sesións de catequeses, nas que se atopou con algún neno ou nena con discapacidade.
A xornada concluía cun momento de oración presidido polo bispo de Tui-Vigo na capela do Seminario Maior. Alí, os asistentes ao encontro construíron un quebracabezas no que se podía ler o Evanxeo dos discípulos de Emaús. Con esta pequena dinámica, a delegación de Catequese quixo expresar que todos e cada un dos catequistas da diocese de Tui-Vigo son necesario no labor de acompañamento e evanxelización de nenos e mozos.
Neste contexto orante, Sonia, catequista de Santiago de Redondela, compartiu tamén a súa experiencia que, durante este curso pastoral, estivo marcada pola asistencia dun neno con discapacidade que a motivou a vencer dúbidas e medos, para reinventar cada sesión de catequese. Concluía o seu testemuño expresando: «non teñades medo, porque estas situacións afróntanse e estes nenos son moi intelixentes, aprenden moi rápido, son moi cariñosos e achégannos moitos valores na nosa vida».
A delegación de Catequese de Tui-Vigo convocou a Asemblea diocesana de Catequistas para crear un espazo de encontro no que compartir experiencias, testemuños, oración e formación entre todos os axentes de pastoral involucrados na catequese que nenos e mozos reciben durante o seu proceso de iniciación cristiá en parroquias e colexios. Así, finaliza o traballo de formación que vén desenvolvendo desde o pasado mes de decembro a través das Escolas de Catequistas que se imparten na Ramallosa, Torneiros, Redondela e Vigo. A maiores, o sábado 4 de maio, no colexio Maristas Santa María de Tui, está previsto un Encontro Diocesano de Catequese, para nenos e adolescentes.