11 de Abril de 2026,
San Estanislao

A Asemblea diocesana de Cáritas aproba o Plan Estratéxico e as contas anuais

A Asemblea diocesana de Cáritas aproba o Plan Estratéxico e as contas anuais

O sábado, 24 de maio, o Seminario Maior «San Xosé» en Vigo acolleu a XXXIII Asemblea de Cáritas na que se deron a coñecer e aprobáronse dous importantes asuntos da entidade diocesana: o avance do novo Plan Estratéxico e o balance económico do ano 2024, así como os orzamentos para o ano en curso. A reunión contou coa presenza do bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín.

Despois de  unha oración inicial, o prelado tudense deu a benvida e agradeceu aos presentes «o traballo e compromiso social en cada parroquia onde Cáritas ten presenza». Ese compromiso cos máis pobres fai que «sexamos a cara amable da Igrexa», manifestou monseñor Antonio Valín que tamén lanzou unha invitación para traballar no mundo real, axudando a vivir con dignidade; ao mesmo tempo, insistiu na importancia de transformar a mentalidade e pasar do «facer cousas para» a «facer cousas con» os usuarios e participantes da entidade.

A continuación, a coordinadora xeral de Cáritas Diocesana, Inmaculada Tombilla, presentou o Plan Estratéxico da entidade, que se estivo desenvolvendo durante máis dun ano. Este plan  nace con ánimo de avanzar e conseguir unha maior eficiencia, adaptando o labor de Cáritas aos novos tempos.

O Plan Estratéxico fundaméntase en tres conceptos craves: unha misión, que se centra no desenvolvemento da acción social da Igrexa; unha visión, que consiste en ser parte da comunidade eclesial e motor de solidariedade; e uns valores, que iluminarán a actividade serán a caridade, a xustiza e a solidariedade. Eses conceptos desenvólvense a través de tres áreas estratéxicas, cada unha cos seus obxectivos particulares.

Áreas estratéxicasObxectivos
ParticipantesDignificar a atención.
Fomentar a autonomía.
Involucrar a participantes na acción de Caritas.
Explorar novas liñas de actuación.
Cáritas parroquiais e voluntariadoFortalecer equipos parroquiais.
Fomentar actividades de encontros e aprendizaxe.
Compartir e divulgar accións de Cáritas para gañar en visibilidade e aumentar a colaboración interparroquial.
Servizos xeraisModificar e actualizar estatutos.
Promocionar a participación dos axentes de Cáritas renovando e fortalecendo as súas capacidades.
Achegar os servizos profesionais dos técnicos ao territorio.

Ademais destes obxectivos por áreas estratéxicas, o Plan contempla outros obxectivos de carácter xeral: a creación de comisións e grupos de traballo para a consecución dos obxectivos previstos, así como o desenvolvemento dun plan de comunicación para a implantación do Plan Estratéxico cun calendario de accións, seguimento e avaliación.

Tras presentar o Plan Estratéxico, o administrador de Cáritas Diocesana, Miguel Mazorra, expuxo brevemente o balance económico do ano 2024 que, foi auditado e informado por unha empresa independente buscando rigor e transparencia. Aínda que  se avanzou un orzamento deficitario, ao final o panorama económico mellorou sensiblemente por unha serie de ingresos que non estaban previstos —alcanzaron a cifra de 360.000€—. Esta situación fixo que o ano 2024 fose o primeiro exercicio en anos con resultado positivo cifrado en 124.600€.

Eses ingresos extraordinarios producíronse fundamentalmente por unha herdanza recibida, por unha importante doazón de Cáritas de Pamplona, pola celebración dunha cea solidaria no Club de Campo de Vigo e polo apoio da empresa de inserción do noso proxecto téxtil cunha importante cantidade destinada a programas e itinerarios de inclusión socio-laboral.

En canto ao Orzamento do ano 2025, dicir que xa foi sometido a coñecemento do Consello Diocesano, o pasado mes de xaneiro, cunha previsión negativa de 105.558€ que, con toda seguridade, igual que pasou cos do ano 2024, e por circunstancias sobrevindas, van ser positivos e extraordinarios nunha cifra próxima aos 189.000€.

O balance económico do Proxecto Téxtil é positivo soamente minorado pola contía que se destinou para apoiar proxectos de inclusión socio-laboral en Cáritas Diocesana que se tivo que contabilizar como un gasto. O crecemento, tanto da actividade como de contratación de persoal en proceso de inclusión, fai que se estea valorando a posibilidade de abrir unha nova liña de negocio ou actividade de fronte ao próximo ano.

A Asemblea valorou positivamente cos seus votos tanto a presentación do novo Plan Estratéxico como de toda a información referida, tanto ao Balance e estado de contas do 2024, como o Orzamento do 2025 xa en execución.

Fonte: Juan Lago, responsable de Comunicación de Cáritas de Tui-Vigo