Mañá, mércores 30 de abril, ás 12.00 horas, o Fogar-Clínica San Rafael en Vigo celebrará unha eucaristía presidida polo delegado diocesano para o Ano Xubilar 2025, Daniel Goberna, para inaugurar, oficialmente, que a capela do centro foi decretada templo xubilar durante o Ano Santo que o papa Francisco convocou baixo o lema «Peregrinos de esperanza». Así, o Fogar-Clínica San Rafael súmase aos outros tres templos xubilares constituídos no mes de decembro de 2024: a catedral en Tui, a concatedral-basílica en Vigo e o santuario da Franqueira.
Ademais desta celebración coa que se inaugura oficialmente a capela como templo xubilar, están previstas outras tres celebracións máis con motivo do xubileu, para os próximos meses: o 27 de maio , ás 11.00, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía do Xubileu da Discapacidade; o 29 de setembro, ás 12.00 horas, celebrarase a festa de San Rafael Arcángel; e o 21 de decembro, levará a cabo a clausura do Ano Xubilar no centro.
O Fogar-Clínica San Rafael, obra da congregación de irmáns de San Xoán de Deus, celebra a eucaristía, aberta a todos os fieis e á comunidade de usuarios do centro, todos os domingos, ás 11.00 horas.