O pasado sábado, 5 de setembro, don Jesús Carracero, párroco do Sagrado Corazón de Jesús asistía á inauguración do novo Centro Cultural Islámico de Vigo instalado en Gregorio Espino.
O acto, no que participaron diversas personalidades de organismos públicos, comezou ás once da mañá cun saúdo de portavoz do Centro Islámico, Abdulraheem Uzairi. A este saúdo, seguiulle un vídeo representativo das actividades realizadas no centro e a entrega das chaves do propietario do local a Abdulraheem.
Despois, tocoulle a quenda a don Jesús. O párroco do Sagrado Corazón declarou que foi “la Caridad quien nos ha unido a los musulmanes que residen en nuestra ciudad con los cristianos”.
Ao longo da súa intervención, este sacerdote diocesano sinalou a importancia de valorar o papel das relixións ao servizo da caridade, que «nace de su fe y de su culto». De aí, a invitación para recoñecer a importancia dos símbolos, como unha manifestación de «la alegría de la pluralidad, de la riqueza de culturas y tradiciones espirituales» no marco da crise simbólica e iconoclasta que estamos a vivir.
Como a caridade uniu a musulmáns e cristiáns?
Desde fai trinta anos, a parroquia do Sacro Corazón de Jesús ensina castelán aos inmigrantes provenientes de África; moitos deles, musulmáns. A través deste labor social naceron as relacións ecuménicas entre ambas as comunidades relixiosas.
Durante a pandemia, o párroco percibiu as dificultades económicas de moitos dos mozos que asistían ás clases. Por iso, decidiu poñerse en contacto con Abdulraheem, responsable da comunidade islámica en Vigo. Xuntos, cristiáns, musulmáns e evanxelistas, conseguiron axudar ás familias.