18 de Abril de 2024

,

San Perfecto
18 de Abril de 2024

,

San Perfecto

«A caridade non ten signo, nin exclusividade»

«A caridade non ten signo, nin exclusividade»

A Diocese de Tui-Vigo quixo agradecer o servizo que, durante máis de 150 anos, prestaron as Fillas da Caridade na zona do Berbés de Vigo, á fronte do Comedor Social da Esperanza, aínda que a súa obra continúa a través do  Celexio Plurilingüe El Niño Jesús de Praga. Con tal motivo, o bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiuza, presidiu a Eucaristía na que as irmás da Compañía de San Vicente de  Paúl celebraban a súa festa grande, a Virxe da Milagrosa.

A celebración foi acollida na parroquia do Sacro Corazón de Jesús, que completou un aforo reducido a un terzo da súa capacidade —para cumprir coas restricións estipuladas pola administración pública, o pasado 9 de novembro— cinco minutos antes de comezar a Eucaristía.

O bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro, agradeceu  a entrega e o labor excepcional que, durante todos estes anos, realizaron as Fillas da Caridade a través da súa obra e o seu carácter misioneiro, creando un espazo de servizo e de acollida tanto para crentes, como para non crentes porque, tal e como declarou, «a caridade non ten signo, nin exclusividade». A pesar da súa partida,  Mons. Quinteiro manifestou a necesidade de continuar abríndose á sociedade, recollendo a testemuña que as irmás  vicentinas deixan tras de si.

Tras o momento da Comuñón, sor Fernanda, ata o de agora directora do Comedor da Esperanza, agradeceu en nome da comunidade o traballo e a colaboración da Diocese, tanto dos  segrares como dos sacerdotes.

Finalmente, Jesús Carracedo, vigairo de economía de Tui-Vigo e párroco do Sagrado Corazón de Jesús, entregoulles un obsequio en nome de toda a Igrexa de Tui-Vigo: un cadro cunha pintura da fachada do Comedor da Esperanza e escultura de dúas mans suxeitando unha corda que, tal e como explicou o vigairo diocesano de economía, representa o labor realizado polas irmás de ser corda á que aferrarse e mans capaces de empuxar en momentos de fraxilidade.

Tamén o padroado da Fundación Casa Caridad e Hogar San José sumouse ao acción de grazas ao termo da celebración.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp