10 de Decembro de 2024

,

Santa Eulalia de Mérida
10 de Decembro de 2024

,

Santa Eulalia de Mérida

A catedral de Tui acolle o concerto do «Imperial College Chamber Choir»

A catedral de Tui acolle o concerto do «Imperial College Chamber Choir»

A Catedral de Tui acollerá o vindeiro martes, 26 de setembro ás 20,00 horas, un excepcional concerto a cargo do Coro de Cámara do Imperial College de Londres, unha agrupación integrada por 26 voces baixo a dirección de Edward Waltres, como director invitado.

Este Coro realiza varios concertos en Galicia nestas xornadas finais de setembro, elixindo a Catedral tudense para unha destas actuacións, traendo a esta histórica cidade tudense un concerto ao redor do 400 aniversario do compositor británico William Byrd, no que se poderá gozar ademais da música do seu profesor, Thomas Tallis, da música española renacentista de Vitoria e Lobo, e doutras obras máis recentes de autores relevantes como Benjamin Britten, Edward Elgar, Tchaikovsky, Arvo Pärt e MacMillan.

A entrada a este concerto é libre ata completar o aforo da Catedral de Tui.

Sobre o Imperial College Chamber Choir

É o coro insignia do Imperial College London, con sede en South Kensington, Londres. Fundado orixinariamente en 1997 por Therees  Hibbard como unha sección do Imperial College Choir, o Imperial College Chamber Choir consolidouse como conxunto independente con identidade propia en 2007 baixo o liderado de Jessica Gillingwater, á que sucederon, contribuíndo ao desenvolvemento musical do coro, William Glendinning (2011 a 2018) e Jack Apperley (2018 a 2023).

Desde a súa creación, o coro ofrece con regularidade concertos, servizos relixiosos e xiras, o que lle fixo merecedor dun amplo recoñecemento. Na actualidade, o coro é un conxunto integrado por un selecto grupo de ao redor de 26 voces baixo a dirección de Patrick Allies. Nesta xira intervirá como director invitado Edward Walters.

O coro conta cun amplo calendario musical e social: os ensaios teñen lugar os martes pola noite, sendo habitual que, finalizado cada ensaio, os membros acudan ao Union Bar (pub universitario de Imperial College London). O coro é considerado un dos mellores coros universitarios de Londres, e actúa non só na capital, senón en todo o territorio do Reino Unido e noutros destinos internacionais. Cabe destacar como lugares máis significativos nos que o coro actuou o Palacio de Buckingham, o Castelo de Windsor, a Abadía de Sherborne , o Duomo de Milán, a Catedral do Porto, St Martin in the Fields e a Basílica de Santa Croce de Florencia.

Ademais de presentar varios concertos por semestre e intervir en servizos relixiosos de maneira regular, o coro leva a súa música de xira polo Reino Unido en Semana Santa e por Europa en setembro. Estas xiras de verán son o momento máis destacado do ano para o coro, tanto musical como socialmente. Entre os destinos máis recentes inclúense Bretaña, Francia (2016), Lago Garda, Italia (2016), The Highlands, Escocia (2017), Porto, Portugal (2017), Brecon Beacons, Gales (2018), Ljubljana, Eslovenia (2018) e, máis recentemente, Florencia, Italia (2022).

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp