O xoves 22 de maio, a catedral de Tui encheuse por completo de fieis para participar na tradicional bendición das flores en honra a santa Rita de Casia, avogada dos imposibles. O templo acolleu a numerosos devotos que acudiron con flores, oración e gratitude nunha das celebracións máis entrañables do calendario parroquial.
A celebración foi presidida polo párroco, Santiago Freire, e tivo lugar ao termo do último día da novena dedicada a santa Rita. Como é costume, os fieis depositaron as súas flores aos pés da imaxe da santa, nun xesto sinxelo pero cheo de significado.
Durante a eucaristía, Santiago Freire, cun ton próximo, expresou que «é bonito ver como, cada ano, vides coas vosas flores; dá gusto ver a igrexa así de viva». As súas palabras reflectiron a emoción compartida por todos ante a impresionante resposta da comunidade.
A Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia foi a encargada de organizar toda a celebración, contribuíndo unha vez máis a manter viva esta tradición que convoca a veciños, familias e devotos de toda a comarca.
O cheo absoluto do templo non só evidenciou a devoción cara a santa Rita, senón tamén a vitalidade dunha comunidade que vive e celebra a súa fe con profundo sentido de unidade.




Texto: Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia