O reto de unificar dous museos continúa na diocese de Tui-Vigo e, desde onte, mércores 9 de xuño, avanza paulatinamente cara á súa meta. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na visita realizada á catedral de Tui en compañía do bispo Mons. Luís Quinteiro Fiuza, que agradeceu o interese mostrado polas administracións e polo cabido para levar a cabo esta tarefa de unificación, rehabilitación e adecuación do Pazo Episcopal para usos museísticos.
As obras que, tal e como anunciou Román Rodríguez, comezarán nas próximas semanas grazas á colaboración e o traballo conxunto de diversas administracións: o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e a Diocese de Tui-Vigo. Ademais, este proxecto englóbase dentro do Plan Catedrais 2021-2027 do goberno autonómico para actuar nos cinco templos catedralicios da comunidade de fronte ao Xacobeo 2027 co obxectivo de “fortalecer e reforzar o papel que xogan as catedrais que, no seu conxunto, suman máis de 4.500 anos de historia dentro do escenario patrimonial galego”.