27/11/2022

,

Nuestra Señora de la Medalla Milagrosa
27/11/2022

,

Nuestra Señora de la Medalla Milagrosa

A Catedral de Tui recupera a súa Misa Medieval de San Telmo

A Catedral de Tui recupera a súa Misa Medieval de San Telmo
Foto: Partituda del canto gregoriano de la Misa Medieval de San Telmo en el códice Pasionario Tudense.

O vindeiro 24 de abril, a Catedral de Tui acolle a presentación do concerto de recuperación patrimonial da Misa Medieval de San Telmo, unha partitura inédita de canto gregoriano en notación aquitana sobre liña vermella que se conserva no códice Pasionario Tudense do arquivo da S.I Catedral de Tui. Música no Claustro, festival de música, patrimonio e creación con sede na Catedral de Tui dende o ano 2005, impulsa este relevante e innovador proxecto de salvagarda, estudo e divulgación do patrimonio musical, cultural e relixioso catedralicio como preámbulo da celebración do VIII centenario da Catedral de Tui no ano 2025.

Á presentación do acto que tivo lugar na templo catedralicio de Tui asistiron o deán do cabildo catedralicio, José Diéguez, o coéngo archiveiro, Avelino Bouzón, a concelleria de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, e o director de Música no Claustro, Samuel Diz.

Tanto o dean como o bispo de Tui-Vigo, destacaron a importancia desta recuperación que, en palabras de José Diéguez, “é o pórtico de Música no Claustro 2022 e ten como motivo fundamental a celebración do noso padroeiro San Telmo. Un proxecto musical que pon en valor o patrimonio cultural e relixioso da nosa Catedral, sendo a testemuña da evolución da liturxia na diocese dende o século XIII ata ben entrado o século XIV”. Neste sentido, o bispo sinalou “que a nosa historia é unha fonte permanente de rexenerar vida e de creación para o presente. Isto é moi importante neste momento no que necesitamos perspectivas, razóns, puntos de unión para afrontar o noso futuro”.

Samuel Diz, director de Música no Claustro, enmarcou esta recuperación patrimonial nos horizontes da celebración do VIII centenario da Catedral de Tui, o Plan Catedrais Xacobeo 2027 e a participación de Música no Claustro no deseño da xornada inaugural da candidatura Braga’27 Cidade Europea da Cultura. Uns horizontes, tal como expresou o director, “cheos de ilusión e retos entre dous polos: a recuperación e divulgación do patrimonio catedralicio en paralelo a unha estratexia de dixitalización que permita o acceso ao festival a calquera persoa dende calquera lugar do mundo”.

As particularidades musicais desta partitura de canto gregoriano con texto en latín require da interpretación do grupo vogal de música antiga Seconda Pratica, con coñecementos específicos litúrxicos e de notación musical aquitana sobre liña vermella. Chegado dende os Países Baixos, Seconda Pratica está formado pola soprano Sofia Pedro, o contralto Tim Braithwaite, o tenor Jonatan Alvarado e o baxio Nuno Atalaia.

Samuel Diz mostrou as particularidades do pergamiño da Misa medieval de San Telmo ás persoas asistentes, pondo a atención “en que esta partitura é a primeira testemuña documental da protección de Pedro González Telmo como patrón dos mariñeiros e navegantes, dulia que o universalizou dende o seu Frómista natal a Sevilla, San Sebastián ou Bos Aires, así como a México onde a festividade de San Telmo está recollida como manifestación do patrimonio inmaterial ou a Porto Rico, onde se descubriu recentemente un fresco coa representación do frade dominico  nunha igrexa do século XVI. Unha universalidade que nos ilusiona nesta recuperación e salvagarda do patrimonio cultural e relixioso local”.

Xornada de formación previa ao concerto

O sábado 23 de abril, previo a recuperación sonora en concerto, a sede tudense da UNED acolle unha xornada de estudo que reúne ás principais eminencias da materia, pondo en diálogo os traballos do musicólogo galego Manuel Rey Olleros, quen ten realizado a catalogación do repertorio medieval das catedrais galegas, coas investigacións sobre a iconografía medieval de San Telmo realizadas pola historiadora Carmen Manso Porto da Biblioteca da Real Academia de la Historia, e o profundo coñecemento do musicólogo Manuel Pedro Ferreira da Universidade Nova de Lisboa no legado musical de conventos, mosteiros e catedrais no contexto ibérico. Esta xornada de estudo desenvolverase nun formato híbrido, con participación presencial ou vía zoom con previa inscrición gratuíta neste formulario ou a través de www.musicanoclaustro.com.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp