O mércores 15 de xaneiro, as once monxas de vida contemplativa que conforman a comunidade beneditina do convento da Transfiguración do Señor en Trasmañó recibiron a visita do bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín. Durante este encontro, o prelado presidiu o rezo de laudes e a eucaristía na capela do mosteiro.
A Orde de Santo Benito (OSB) é unha orde relixiosa católica, fundada por santo Benito de Nursia, patrón principal de Europa, que segue a regra desenvolvida polo seu fundador a principios do século VI. Baixo o mandato «Ora et labora», santo Benito regulou as 24 horas do día, dedicando oito ao traballo manual, oito á oración —especialmente ao rezo do oficio divino, é dicir, a Liturxia das Horas— e oito ao descanso. Na actualidade, a Orde está estendida por todo o mundo e conta con numerosos mosteiros masculinos e femininos.

