O sábado 12 de xullo, ás 20.00 horas, o templo parroquial de San Xoán de Panxón acolleu a tradicional Ofrenda do Mar á virxe do Carmen, unha das celebracións máis emotivas e significativas para a comunidade marítima. Esta ofrenda, que se celebra de maneira ininterrompida desde hai 84 anos, é organizada con profundo agarimo e devoción pola delegación diocesana de Stella Maris.
Nesta ocasión e en nome de toda a comunidade marítima e representando á mariña deportiva, realizou a ofrenda Javier Ruiz de Cortázar, presidente da Asociación Galega e da Confederación Española de Clubs Náuticos.
A celebración estivo presidida polo bispo da diocese de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, e concelebrada por varios sacerdotes: José Diéguez, párroco de Panxón; Jesús Gago e Jesús Casas, membros da Pía Unión do Apostolado do Mar; Javier Alonso, delegado de Acción Caritativa e Social da diocese. Tamén participou na eucaristía Andrés Fontenla, diácono e colaborador de Stella Maris.
A delegación de Apostolado do Mar e Stella Maris da diocese de Tui-Vigo expresou a súa máis sincero agradecemento a todos os que fixeron posible esta xornada de fe e tradición: ás autoridades civís e do sector marítimo presentes —os alcaldes de Nigrán e Baiona, ao concelleiro do Mar de Baiona, ao director xeral de Pesca da Xunta de Galicia, á Corporación de Prácticos do Porto de Vigo, AETINAPE e ao director de Cáritas Diocesana—; á coral Stella Maris de Panxón e a súa directora Marisa, por harmonizar a celebración; e, sobre todo, aos mariños e as súas familias, especialmente aos familiares das vítimas do naufraxio do “Vila de Pitanxo ”, así como aos veciños e fregueses de Panxón..
Así, transmitiron a súa acción de grazas a todos estes colectivos que manteñen viva «esta tradición que une espiritualidade e mar, e que é testemuño da profunda fe das nosas xentes do mar. Que a Virxe do Carmen, guía e esperanza nosa, siga protexendo a todos os que sucan as augas e a quen traballa polo seu ben desde a costa».

