9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

A comunidade parroquial das Neves celebra a festividade da súa patroa

A comunidade parroquial das Neves celebra a festividade da súa patroa
FOTO.- La imagen procesiono por las calles de la villa | © Marcos Fragueiro

Numerosos fieis participaron onte na eucaristía solemne presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, no templo parroquial de Santa María das Neves. A liturxia, acompañada musicalmente pola Coral Polifónica das Neves e á que asistiron diversas autoridades civís e militares, culminou coa tradicional procesión da imaxe da patroa polas rúas da vila, nunha renovada expresión pública de fe e devoción mariana. Durante os días previos, a comunidade parroquial preparouse para a festa co rezo diario da novena na honra á Virxe, seguida da celebración da misa.

A devoción á Nosa Señora das Neves forma parte da identidade relixiosa e histórica do municipio. Segundo a tradición local, no ano 1667 a Virxe apareceuse a un neno en Chan do Casteliños, lugar onde hoxe se levanta o templo parroquial e que antigamente pertencía a parroquia Setados. A tradición popular lembra, ademais, que o territorio das Neves foi escenario, en distintas ocasións, de extraordinarias nevadas en pleno verán, un fenómeno insólito que se relaciona coa orixe do nome da localidade e coa elección da advocación da Nosa Señora das Neves para a súa patroa, establecendo un suxestivo paralelismo coa tradición vinculada á basílica romana de Santa María a Maior.

A festa das Neves coincide coa memoria litúrxica da Nosa Señora das Neves, que a Igrexa celebra cada 5 de agosto. Esta data conmemora a dedicación da Basílica Papal de Santa María a Maior, en Roma, o templo mariano máis antigo de Occidente. A tradición fundacional desta basílica está vinculada ao coñecido «milagre da neve», segundo o cal unha inesperada nevada en pleno verán sinalou o lugar onde debía edificarse o templo por desexo da Virxe María. Co paso dos séculos, esta advocación estendeuse por todo o mundo cristián, dando nome a numerosas parroquias e santuarios, entre eles o concello galego das Neves.

Con esta celebración, a comunidade parroquial renovou un ano máis a súa devoción á Virxe María baixo a advocación da Nosa Señora das Neves, mantendo viva unha tradición que forma parte do patrimonio relixioso, histórico e cultural do municipio.