Con motivo do Ano Xubilar da Vida Consagrada, que se celebrou en Roma entre o 8 e o 9 de outubro, as instalacións do Fogar-Clínica San Rafael en Vigo da Orde de San Xoán de Deus congregaron, o sábado 18 de outubro, a diferentes membros das comunidades relixiosas, residentes e colaboradores da diocese de Tui-Vigo para celebrar un emotivo acto cargado de simbolismo e proximidade, dirixido ao corazón. O pasado mes de abril, a capela do centro foi decretada templo xubilar durante este Xubileu 2025, que a Igrexa celebra baixo o lema «Peregrinos de esperanza».
Tras a calorosa benvida, os asistentes realizaron unha pequena peregrinación polos xardíns da casa, durante a que se intercalou o canto do himno xubilar con diferentes textos que motivaron a reflexión. O percorrido finalizou na porta xubilar da capela do Fogar-Clínica San Rafael, onde todos recitaron ao unísono a oración do Xubileu.
Unha vez na capela, os residentes do centro dos irmáns de San Xoán de Deus levaron a cabo unha representación do logotipo do Ano Xubilar titulada «O camiño do Xubileu», coa que transmitiron aos asistentes os valores esenciais da vida relixiosa: o amor, a alegría, a esperanza e a oración. Todo iso, acompañado pola cruz como guía e luz no mar de dificultades.
A continuación, o sacerdote dominico e presidente da CONFER de Tui-Vigo, Edgardo Quintana, presidiu a eucaristía. Durante a celebración, relixiosos e relixiosas presentaron ante o altar a todos os seus seres queridos, persoas e situacións coas que comparten vida e misión, uníndose así a toda a Igrexa para tomar un novo impulso no seu camiñar cotián como peregrinos da esperanza.
A CONFER da diocese de Tui-Vigo agradece aos irmáns de San Xoán de Deus, por unha banda, que, ao longo dos anos, «mantivesen vivo o espírito de servizo e caridade que caracteriza á congregación»; e, por outro, a acollida e benvida que fixeron posible «este entrañable encontro».



