O sábado 3 de maio, de 10.30 a 17.00 horas, no colexio Amor de Deus de Vigo, a delegación de Catequese da diocese de Tui-Vigo organiza un encontro para catequistas baixo o lema «Anunciando que é xerundio». A xornada ofrece unha oportunidade para compartir experiencias, testemuños, oración e formación entre todos os axentes de pastoral involucrados na catequese que nenos e mozos reciben durante o seu proceso de iniciación cristiá en parroquias e colexios.
A inscrición ao encontro é completamente gratuíta e cada participante deberá levar a comida, aínda que despois a delegación de Catequese ofrecerá café e algo doce entre os asistentes. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través da seguinte ligazón.
Ademais deste encontro para os responsables da catequese, a delegación diocesana está a organizar unha xornada para nenos, nenas e adolescentes. A convocatoria está prevista para o sábado 31 de maio, de 10.30 a 18.00 horas, no colexio Apóstolo Santiago de Vigo.
A diocese de Tui-Vigo conta con máis de 500 catequistas que, semana tras semana, encárganse da preparación de todos aqueles nenos, nenas e adolescentes que desexan recibir os sacramentos de iniciación cristiá en colexios e nas 276 parroquias do territorio diocesano. Segundo os datos publicados en 2023, na diocese de Tui-Vigo bautizáronse 1.118 nenos e nenas; recibiron a primeira comuñón, 1.175; e administrouse o sacramento da Confirmación a 499 mozos e mozas.