12 de Abril de 2026,
San Julio I

A delegación de Migracións promove «a visita aos sete templos»

A delegación de Migracións promove «a visita aos sete templos»

Por terceiro ano consecutivo, durante a mañá do Venres Santo, a delegación de Migracións da diocese de Tui-Vigo promove realizar «a visita aos sete templos» pola cidade olívica. Trátase dunha tradición popular moi arraigada en países de Latinoamérica que, ata hai pouco, tamén era habitual en España. A iniciativa é unha invitación para acompañar a Xesús presente no Santísimo Sacramento do Altar, exposto en cada igrexa, mentres se rememora o seu camiño desde o Horto das Oliveiras ata o Calvario.

O percorrido, que terá unha extensión aproximada de sete quilómetros a pé, comezará ás 09.30 horas do venres, 18 de abril, no templo parroquial de Santa Marta en Vigo —avenida Portanet, 24—. Desde aí visitaranse as seguintes igrexas viguesas: Santo Antonio da Florida, o Santísimo Cristo da Vitoria, Nosa Señora do Rocío, San Martiño de Coia , Nosa Señora do Perpetuo Socorro, María Auxiliadora e a concatedral-basílica de Santa María.

A participación non supón ningún custo e tampouco é necesario inscribirse previamente. A delegación de Migracións recomenda levar roupa e calzado cómodo; froita e auga para manterse hidratado; e chuvasqueiro en caso de choiva.