Durante a fin de semana, do 20 ao 22 de setembro de 2024 , a delegación de Pastoral de Santuarios e do Turismo organizou unha peregrinación diocesana ao santuario luso de Fátima, que contou coa participación de máis de 300 persoas rexistradas, entre elas, o bispo emérito de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro. Durante esa fin de semana, tiveron a oportunidade de profundar na mensaxe da virxe en terra lusas e, tamén, puideron participar en diferentes actos na contorna do santuario: o rezo do viacrucis, a procesión de fachos ou a eucaristía internacional.
O sábado pola mañá, inaugurouse de forma oficial a peregrinación coa entrada do grupo na Capelinha. Alí, realizouse o saúdo á virxe María, ante a imaxe da nosa Señora de Fátima. O bispo emérito de Tui-Vigo lembrou que esa peregrinación era unha ocasión para presentar, ante a virxe María, as diferentes realidades, persoas e actividades da diocese; ademais, convidou a vivir o encontro como unha oportunidade para escoitar á virxe e descansar nela, recuperando así a alegría da fe. Pola tarde , o bispo emérito presidiu a eucaristía na Capelinha na que, ademais da diocese de Tui-Vigo, participaron grupos doutras partes de España e Portugal.
Ademais destes actos principais, durante a xornada do sábado, os peregrinos de Tui-Vigo tiveron a oportunidade de realizar o exercicio do viacrucis, achegarse ao sacramento da Reconciliación e, pola noite, participar no rezo do rosario e na procesión de fachos.
O domingo, peregrinos, sacerdotes e o bispo emérito asistiron á misa internacional celebrada na chaira do santuario que coincidiu coa concentración de moteiros e a bendición dos cascos; o patriarca de Lisboa, Mons. Rui Manuel Sousa Valério, presidiu esta celebración. Acto seguido, todos os participantes compartiron unha comida fraterna, coa que concluíu esta peregrinación.
Con esta peregrinación, a delegación de Pastoral de Santuarios e do Turismo alcanza os obxectivos expostos no Plan Pastoral 2023-2024: recuperar as peregrinacións como vehículo ordinario de coñecemento de persoas e lugares, que viven a mesma fe, á vez que dá a coñecer esas novas realidades para animar a outros a que fagan ese mesmo camiño. Esta delegación xa publicou as novas datas deste novo curso: do 19 ao 21 de setembro de 2025.