A delegación de Pastoral Obreira xunto á Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC) da diocese de Tui-Vigo súmase á iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) conformada por Cáritas, CONFER, IOAC, Xustiza e Paz, JEC, JOC e Rede Social Galicia— que promove a Xornada Mundial polo Traballo Decente que se celebra o 7 de outubro baixo o lema «Por ti, por min, traballo decente». Así, do 3 ao 7 de outubro organizan unha serie de actos para dar visibilidade á xornada deste ano.
O xoves 3 de outubro, ás 20:00 horas, no farol da rúa Príncipe, terá lugar a primeira convocatoria en colaboración cos Círculos de Silencio de Vigo. Durante a fin de semana, están previstas diversas celebracións litúrxicas: o sábado 5, a as 20:00 horas, no templo parroquial do Sagrado Corazón de Xesús e na igrexa dos Apóstolos; e o domingo 6, ás 12.30 horas, na igrexa parroquial do Cristo da Vitoria e, ás 17.00 horas, no santuario da Nosa Señora da Franqueira.
Coincidindo coa celebración da Xornada Mundial polo Traballo Decente, o luns 7 de outubro, ás 20.30 horas, o templo parroquial do Cristo da Vitoria en Vigo acollerá unha vixilia de oración organizada pola delegación de Pastoral Obreira e a IOAC de Tui-Vigo
Nesta Xornada Mundial do Traballo Decente, a iniciativa ITD, que este ano celebra o seu décimo aniversario, pon o foco na importancia do coidado do traballo «como unha forma de coidar e dignificar a vida humana. Isto implica crear contornas laborables con dereitos, participativas, seguras e respectuosas, nas que se promova o coidado integral de todas as persoas traballadoras», tal e como manifestou o papa Francisco durante o Cume Mundial do Traballo en 2021.
Igrexa polo Traballo Decente está formada por diferentes institucións cristiás —Cáritas, CONFER, IOAC, Xustiza e Paz, Mocidade Estudantil Católica (JEC) e Mocidade Obreira Cristiá (JOC)—, comprometidas, a través deste proxecto, a favorecer dinámicas de sensibilización, visibilización e denuncia acerca do traballo humano, á vez que anuncian o concepto de traballo decente «cara ao interior das nosas organizacións, cara á Igrexa en xeral e cara á sociedade».