A Delegación Diocesana de Stella Maris Tui-Vigo manifesta a súa profunda alegría polo nomeamento, realizado pola súa Santidade o Papa León XIV, de Mons. D. Luis Quinteiro Fiuza como Presidente ad interim do organismo central e coordinador do Apostolado do Mar a nivel mundial.
Mons. D. Luis Quinteiro coñece ben a realidade marítima de territorios de forte tradición mariñeira como o é Galicia, tanto no que afecta os mariñeiros e ás súas familias, como na súa dimensión comunitaria, social e económica. Durante os seus vinte anos de servizo como Bispo Promotor do Apostolado do Mar, foi testemuña da profunda transformación desta pastoral que, ao longo de máis de cen anos de historia, soubo manterse próxima e atenta aos desafíos do mundo do mar, e estende hoxe a súa presenza a 350 portos de 54 países.
Para Mons. Quinteiro, Stella Maris está chamada a acompañar de maneira concreta a vida das xentes do mar, dando testemuño da humanidade de Cristo na contorna marítima e portuaria. Os Centros de Mariños Stella Maris, adaptándose ás particularidades de cada porto e de cada tripulación -mariños mercantes, tripulantes de cruceiros e pescadores-, comparten unha mesma vocación: mellorar as condicións de vida e de traballo dos mariños e promover o seu desenvolvemento humano integral. Aínda que o seu traballo ocorre lonxe da nosa mirada e a súa realidade adoita permanecer invisible, Stella Maris está presente no cotián, aproveitando as escasas oportunidades de encontro que a actividade marítima permite, convencida de que ese acompañamento é clave para o seu benestar humano e emocional.
Mons. Quinteiro e o P. Ritchille Salinas, SVD, designado Secretario ad interim do devandito organismo, terán como principal tarefa a preparación da Asemblea Xeral do Apostolado do Mar, que permitirá avanzar cara a unha visión de unidade, dentro da diversidade de realidades e problemáticas, favorecerá o intercambio de experiencias e boas prácticas, e discernirá e definirá liñas estratéxicas desde a fe e a experiencia compartida. Esta Asemblea será tamén unha oportunidade para renovar a ilusión e o compromiso de quen colabora con Stella Maris e fará visible o valioso labor que realizan.
A ambos expresamos o noso sincero agradecemento pola súa dispoñibilidade e servizo, e ofrecémoslles toda a nosa colaboración neste impulso cara a unha rede verdadeiramente mundial, coordinada e solidaria.