O sábado 28 de decembro, ás 18.30 horas, no templo parroquial da Inmaculada Concepción en Vigo, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidirá a eucaristía para celebrar a Xornada da Sagrada Familia, que a Igrexa en España convoca, nesta ocasión, baixo o lema «Familia, fonte de esperanza». Durante a celebración, as parellas que, ao longo do ano 2024, celebrasen as súas vodas de ouro ou prata poderán renovar os seus votos matrimoniais arroupados por toda a comunidade diocesana.
A través desta eucaristía, a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo, encargada de organizar e promover esta xornada, quere render homenaxe a aqueles matrimonios que durante este 2024 celebraron as súas vodas de ouro ou prata, porque co seu testemuño de vida compartida pon en valor o sacramento do matrimonio nesta sociedade. Ademais, seguindo o exemplo da Sagrada Familia de Nazaret, convidan a vivir «o amor e a comuñón en cada unha das nosas familias».
Este ano 2024, a festa da Sacra Familia coincide coa apertura do Xubileu 2025 convocado polo papa Francisco baixo o lema «Peregrinos de esperanza». Neste contexto, a delegación de Pastoral Familiar subliña que «a familia é o lugar de encontro e apertura, onde a persoa se forma como individuo, pero tamén como membro dunha comunidade. É, por tanto, unha fonte de esperanza nunha sociedade ferida polo illamento, a soidade e a ruptura dos lazos comunitarios».