O 1 de decembro, a diocese celebrou o aniversario da dedicación da Santa Iglesia Catedral de Tui cunha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, na que destacou a importancia do templo catedralicio como un signo do arraigamento da tradición cristiá neste territorio e, tamén, manifestación do que é a Igrexa diocesana, porque «a catedral, como igrexa nai, é unha referencia para toda a nosa diocese, un símbolo da nosa fe».
Durante a súa intervención, o prelado tudense tamén fixo mención ao encontro que, como membro da Conferencia Episcopal Española, mantivo co papa Francisco, o pasado martes 28 de novembro, na sala nova do Sínodo no Vaticano. Mons. Luís Quinteiro destacou a gran acollida do Santo Pai, «nun clima de fraternidade que chama profundamente a atención»
No marco desta celebración, a vigairía para o clero organizou unha xornada de convivencia sacerdotal no templo catedralicio, que comezou cunha meditación dirixida polo pai dominico Edgardo César Quintana. Tras este intre inicial de retiro e a posterior celebración eucarística, o licenciado en Xeografía e Historia, Rafael Sánchez Bargiela, impartiu o relatorio «A catedral de Tui, o Camiño Portugués e o fenómeno xacobeo», na que tratou de explicar a vinculación entre o templo catedralicio e a realidade da peregrinación a Santiago de Compostela.
O 1 de decembro de 1225, o bispo daquel momento, Esteban Egea, consagrou a igrexa de Tui, converténdoa en templo catedralicio, é dicir, na sede episcopal. Desde entón, cada ano, celébrase esta efeméride que xa está próxima ao seu oitavo centenario, ao cumprir, nesta ocasión, 798 anos da súa dedicación. Con esta celebración, a diocese de Tui-Vigo lembra que a catedral é unha expresión, un signo vivo da propia Igrexa diocesana, por iso, entrar nela é regresar ás orixes, todo o máis central da comunidade cristiá: a vinculación con toda a Igrexa universal, atribuída polo ministerio do bispo.