O luns 17 de abril, coincidindo coa celebración da II semana do tempo litúrxico da Pascua, a diocese de Tui-Vigo celebrou a solemnidade do seu patrón: o beato Pedro González Telmo, patrón ademais da cidade tudense e dos navegantes. Desde primeira hora da mañá e ata case a medianoite, houbo diversos actos relixiosos. O bispo Mons. Luís Quinteiro presidiu a eucaristía solemne no templo catedralicio que deu comezo coa adoración
A eucaristía solemne deu comezo ás 11 horas, coa adoración das reliquias de diversos santos, entre eles, o patrón da cidade tudense, que procesionaron polas rúas adxacentes á praza de San Fernando. Unha vez finalizada a procesión e proclamado o Evanxeo, Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, realizou a ofrenda ante a imaxe do beato Pedro González Telmo, a quen solicitou «axuda e intercesión para alumarnos na responsabilidade colectiva que temos de alcanzar unha sociedade máis xusta, humana, solidaria e integradora», e, seguindo o exemplo inspirador de santo Telmo, «para traballar polo ben común que nos afaste da intransixencia, da corrupción, de todo tipo de violencia, especialmente a que incumbe ás mulleres». A mocidade, os maiores, as familias, os migrantes, os desfavorecidos da sociedade e os enfermos estiveron presentes na ofrenda que Enrique Cabaleiro pronunciou ante a imaxe do beato Pedro González Telmo.
Tras a ofrenda, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, agradeceu as palabras do oferente que «nos lembrou a dimensión social da nosa existencia e da nosa fe» e manifestou a necesidade «dunha renovación moral, que revitalice a nosa vida social; que nos axude a tender pontes entre as persoas, entre os pobos; axudando especialmente a aquelas persoas que están a vivir unha difícil situación na vida». Tamén, expresou a súa preocupación ante o permanente regreso que a sociedade experimenta cara a individualidade, especialmente, entre os mozos que «necesitan que alguén os introduza en proxectos cribles e que transformen a vida».
O prelado tudense exhortou ás parroquias para acoller a tarefa de «abrir os corazóns, os fogares, para superar as nosas comodidades», seguindo o exemplo do patrón da diocese que «apostou por unha opción que hoxe sería tola: facerse frade mendicante, vivir da caridade pública». Neste sentido, lembrou que, na actualidade «está en perigo a nosa convivencia, a nosa vida social, o enriquecemento mutuo porque, quizais, nunca tanto tivemos como hoxe. Por tanto, santo Telmo convídanos a compartir e a crear espazos de comuñón desde a vida política, social e familiar».
Co canto do himno en honra a santo Telmo, interpretado pola coral Santo Telmo de Tui, finalizou a eucaristía solemne. Durante a tarde, a igrexa dedicada ao patrón da diocese acolleu, ás 19.30 horas, a homenaxe polos confrades falecidos a cargo da banda de música da Brilat.
A imaxe do beato Pedro González Telmo procesionou polas rúas da cidade de Tui, acompañada por unha trintena de imaxes de diferentes santos e santas pertencentes aos templos de Tui e da contorna. Ao final do percorrido, na praza de santo Fernando, realizouse a ofrenda floral que engalanou a imaxe de santo Telmo antes de entrar novamente ao templo catedralicio, onde velará polas intencións dos devotos ata o próximo ano 2024, cando diocesanos e diocesanas acudan, fieis como cada ano, a renovar as súas promesas.