O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, presidirá a eucaristía na concatedral-basílica, ás 20 horas do mércores 2 de febreiro para celebrar a Xornada da Vida Consagrada e agradecer o labor incansable que desenvolven as máis de 360 persoas consagradas pertencentes ás diversas comunidades da diocese. Tras a celebración, haberá un momento de adoración eucarística e reflexión, organizado polos mozos da delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria, que cada mércores reúnense na Oración Xove — habitualmente no templo do Corazón de María-, pero que con ocasión da Xornada da Vida Consagrada, farano na concatedral.
Con motivo desta Xornada, o pastor da Igrexa de Tui-Vigo escribiu unha carta pastoral na que lembra que “os consagrados están chamados a ser na Igrexa e no mundo expertos en comuñón, testemuñas e artífices daquel proxecto de comuñón que constitúe a cima da historia do home segundo Deus”. Ademais, convida a todos os diocesanos a compartir o pan da eucaristía para agradecer en comunidade o testemuño fiel das nosas 56 comunidades de vida consagrada.
Na diocese de Tui-Vigo, viven na actualidade 367 consagrados —288 mulleres e 79 homes— que realizan o seu labor en 6 mosteiros de vida contemplativa feminina, 24 institucións de vida activa feminina e 11 institucións de vida activa masculina dedicadas a distintos servizos de ensino ou de acción caritativa e social, 1 sociedade de vida apostólica e 2 institutos seculares.
A Conferencia Episcopal Española escolleu o lema «Camiñando xuntos» para resaltar o valor sinodal no que se enmarca a Xornada deste ano, xa que a Igrexa universal está inmersa no Sínodo dos Bispos de 2023, «Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión», convocado polo papa Francisco a comezos do pasado ano.