16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

A diocese de Tui-Vigo acolleu o proxecto «Alpha no Camiño»

A diocese de Tui-Vigo acolleu o proxecto «Alpha no Camiño»
FOTO.- Acogida del equipo Alpha en Vila do Conde | © Instagram de Alpha en el Camino

Entre o 24 e o 26 de agosto, o Seminario Menor «San Paio » de Tui, a parroquia de Santa María do Porriño e a parroquia de Santiago de Redondela acolleron o proxecto «Alpha no Camiño», organizado por Alpha España e Portugal, así como a delegación de Nova Evanxelización da diocese de Santiago de Compostela. Durante estes días, voluntarios e voluntarias da Igrexa de Tui-Vigo colaboraron na organización destas ceas para axudar aos peregrinos do Camiño Portugués a descubrir o verdadeiro e profundo sentido da peregrinación.

Na diocese de Tui-Vigo, algunhas delegacións e parroquias implementaron Alpha, un método de nova evanxelización para achegar a realidade cristiá a persoas afastadas da Igrexa. Desde o ano 2020, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria organiza Alpha para mozos e mozas en idade universitaria. Tamén, a Pastoral Familiar sumouse ao proxecto no ano 2022 coas ceas para parellas, nas que se ofrecen diversas ferramentas e ideas prácticas para axudar fortalecer a relación. Este verán, a parroquia de San Vicente de Barrantes organizou as ceas para adultos.

Por primeira vez, Alpha puxo en marcha este curso itinerante a través do Camiño de Santiago, escollendo o roteiro portugués que cruza a diocese de Tui-Vigo. Seguindo o formato que caracteriza Alpha en todo o mundo (cea compartida, charla ou vídeo e un espazo para o diálogo en pequenos grupos), cada sesión adáptase ao itinerario xacobeo. O proxecto deu comezo o 20 de agosto en Vila do Conde e finaliza o sábado 30 na cidade compostelá.