1 de Decembro de 2024

,

Dedicación de la S.I. Catedral de Santa María de Tui
1 de Decembro de 2024

,

Dedicación de la S.I. Catedral de Santa María de Tui

A diocese de Tui-Vigo celebra a Ofrenda do Mar en Panxón

A diocese de Tui-Vigo celebra a Ofrenda do Mar en Panxón

Un ano máis o Templo  Votivo de Panxón acollerá a Ofrenda do Mar, a homenaxe de fe e devoción das catro mariñas —a armada, a mercante, a frota pesqueira e a deportiva— á Virxe do Carme. Será o sábado, 10 de xullo, ás 20 horas presidida por  Mons. Luís Quinteiro Fiuza, bispo de Tui-Vigo e promotor de  Stella  Maris en España.

A delegación diocesana de Apostolado do mar e o centro  Stella  Maris de atención ao mariño, que preside Elvira  Larriba  Leira, é a encargada de escoller cada ano ao  oferente. Nesta ocasión a elección recaeu en Edelmiro Ulloa, novo xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo, quen representará a toda a frota pesqueira á que corresponde realizar a ofrenda neste ano marcado pola Covid-19. 

Tras a misa e un momento de adoración eucarística terá lugar desde a porta do templo a bendición dos mares co Santísimo, que percorrerá as naves estando os fieis estáticos nos seus lugares, para cumprir así as recomendacións da Vigairía de Pastoral para os lugares de culto. Co ánimo de evitar aglomeracións, a celebración será retransmitida desde a canle de YouTube da diocese de Tui-Vigo.

Foi no ano 1939, cando o templo  votivo de Panxón celebrou por vez primeira a Ofrenda do Mar que, ademais de ser unha homenaxe das mariñas á Virxe, converteuse nunha oportunidade para revalorizar o papel dos mariños e visibilizar os graves problemas que afectan as súas vidas e familias. A Igrexa universal reforza a conmemoración do «Día das xentes do mar» que se celebra todos os anos, o 16 de xullo, facéndoo coincidir coa festa católica da Virxe do Carme. Na súa mensaxe con motivo do «Día das xentes do mar»,  Mons. Luís Quinteiro Fiuza, promotor de  Stella  Maris en España, destacou que “ Stella  Maris, o Apostolado do Mar, quere impulsar cada día a presenza da Igrexa en cada porto, en cada pobo mariñeiro, en todas as nosas parroquias próximas ao mar, porque a luz da fe é o mellor camiño para loitar pola dignidade da vida das nosas xentes do mar”.

Desde 1944, tras a Asemblea Nacional do Apostolado do Mar que tivo lugar en Bilbao, a diocese de Tui-Vigo foi un referente para toda España na defensa e protección dos dereitos do mariño, grazas ao labor desenvolvido no coidado dos traballadores e as familias que dependen do mar.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp