O sábado 22 de xullo, ás 20.30 horas, no templo parroquial de San Salvador de Nogueira, a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo organiza unha eucaristía presidida polo bispo Mons. Luís Quinteiro, para celebra a III Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores que o papa Francisco convoca baixo o lema «A seu misericordia esténdese de xeración en xeración». A delegación convida a toda a comunidade diocesana a sumarse á celebración do 22 de xullo, pero tamén animan a celebrala en cada unha das parroquias.
Na súa mensaxe publicada con motivo desta xornada, o papa Francisco expresa a relación entre esta xornada dos avós e a Xornada Mundial da Mocidade que terá lugar en Lisboa, do 1 ao 6 de agosto: «o Señor espera que os mozos, ao atoparse cos anciáns, acollan a chamada a custodiar a memoria e recoñezan, grazas a eles, o don de pertencer a unha historia máis grande. A amizade cunha persoa anciá axuda ao mozo a non reducir a vida ao presente e a lembrar que non todo depende das súas capacidades».
Tal e como manifesta o pontífice, «a Xornada Mundial dos Avós e os Maiores quere ser un pequeno e delicado signo de esperanza para eles e para toda a Igrexa» e, deste xeito, convida a todos a celebrala, «poñendo no centro a alegría desbordante dun renovado encontro entre mozos e anciáns».
En xaneiro de 2021, o papa Francisco instituíu a Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores que se celebrará en toda a Igrexa o cuarto domingo de xullo, próxima á conmemoración da festa litúrxica de Santo Joaquín e Santa Ana, avós de Xesús. O Dicasterio para os Laicos, a Familia e a Vida da Santa Sede é o responsable da organización e promoción desta xornada.