O vindeiro domingo 30 de maio celebra a Igrexa a Xornada “prol Orantibus” (polos que oran) dedicada a dirixir a nosa atención cara aos relixiosos de vida contemplativa. Con tal motivo a delegación episcopal de Vida Consagrada organiza ás 18 horas o rezo do rosario e das vésperas desde o mosteiro das Dominicas de Baiona. O acto que será presidido polo bispo diocesano, Luís Quinteiro Fiuza, será retransmitido en streaming a través da canle diocesana de Youtube para todos aqueles sacerdotes, consagrados, laicos que o desexen e moi especialmente para os demais mosteiros de clausura que non poderán asistir presencialmente.
Baixo o lema «A vida contemplativa, cera de Deus e da dor do mundo», a Igrexa únese e agradece, na festa da Santísima Trindade, o labor silencioso de todas as comunidades que entregan a súa vida á oración polos demais. En concreto nesta diocese de Tui-Vigo, segundo os últimos datos facilitados polo delegado de Vida Consagrada P. Alfredo García, viven 37 monxas de vida contemplativa presentes en 6 mosteiros de clausura. Hai tamén 300 consagrados e consagradas de vida activa pertencentes a 36 congregacións distribuídas en 45 comunidades dedicadas principalmente ao ensino, atención de maiores e diversos labores apostólicas; hai tamén 15 consagradas de 2 institutos seculares. Estas 352 persoas manifestaron en todo tempo unha exemplar dedicación e entrega á súa vocación particular, especialmente nestas difíciles circunstancias da vida social e, providencialmente, lograron sortear sen contaxios este tempo de pandemia, fóra da residencia tudense Paz e Ben.
Alfredo García, delegado diocesano de Vida Consagrada, explicou nunha carta enviada ás comunidades relixiosas de clausura que a Xornada constitúe “unha oportunidade para renovar o compromiso contemplativo de toda a vocación eclesial” e lembrou as palabras do papa na súa mensaxe: “a Iglesia conta coa vosa oración e coa vosa ofrenda para levar a boa noticia do evanxeo aos homes e mulleres do noso tempo. A igrexa necesítavos”.