19 de Novembro de 2026,
San Abdías

A diocese de Tui-Vigo celebra o centenario do Domund

A diocese de Tui-Vigo celebra o centenario do Domund

A delegación diocesana de Misións e Cooperación entre as Igrexas de Tui-Vigo presentou unha completa programación de actos de concienciación, oración e testemuño para achegar a realidade misioneira a toda a cidadanía. Baixo o lema «Un en Cristo, unidos na misión», a diocese convida as parroquias, comunidades educativas e familias a participar activamente nesta cita anual tan arraigada.

Actividades en Vigo e Tui: da rúa Príncipe á Catedral

Durante a semana previa ao Domund, voluntarios e voluntarias da delegación sairán directamente ao encontro cos vigueses: o luns 12, de 10.00 a 15.00 horas, percorrerán a rúa Príncipe, mentres que, o sábado 17, no mesmo horario, estarán no Mercado do Calvario para visibilizar a labor misioneira. Ademais, tamén impartirán charlas de sensibilización nos colexios da cidade olívica para achegar as vivencias dos misioneiros ao alumnado.

O mércores 14, ás 21.00 horas, convídase a todos os mozos a rezar polas misións durante a Oración Nova que, cada semana, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo organiza no templo parroquial do Corazón de María. Alí, reúnense preto de medio centenar de mozos para participar nunha adoración eucarística. 

A fin de semana, levaranse a cabo os principais actos. O venres 16, ás 20.30 horas, os salóns parroquiais de Santiago o Maior de Vigo, acollerán unha mesa redonda para reflexionar sobre a misión no mundo actual. Ao día seguinte, sábado, ás 18.00 horas, no templo parroquial de San Francisco Xavier, celebrarase unha vixilia da luz, en colaboración cos Salesianos e Entreculturas, ONG da Compañía de Xesús.

Finalmente, o domingo, ás 19.45 horas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía de acción de grazas polo centenario do Domund na igrexa parroquial de María Auxiliadora. Previamente, ás 18.00 horas, haberá un concerto solidario ofrecido por Acopovi .

Desde o xoves 15 de outubro, dúas relixiosas da congregación Misioneiras de Cristo Xesús compartirán o seu testemuño nos colexios, así como na mesa redonda prevista para o venres 16 de outubro. O domingo 18 de outubro, ás 12.00 horas,  tamén farán visible o labor do Domund durante a celebración da eucaristía na concatedral-basílica de Vigo e na catedral de Tui.

Que é o Domund?

O Domund (Domingo Mundial das Misións) é a gran xornada coa que a Igrexa apoia de forma directa o labor espiritual e social que realizan miles de misioneiros —sacerdotes, relixiosos, relixiosas e laicos— nos territorios de misión de todo o planeta. A través da oración e a achega económica dos fieis, sostéñense comedores, escolas, centros sanitarios e proxectos de evanxelización nas rexións máis vulnerables dos cinco continentes.

▶ MÁIS INFORMACIÓN DA CAMPAÑA DO DOMUND 👈

100 anos de historia (1926–2026)

Esta edición do Domund reviste un carácter excepcional ao cumprirse cen anos desde a súa institución oficial polo Papa Pío XI en 1926, tras a proposta formulada pola Obra Pontificia da Propagación da Fe. Un século despois, esta iniciativa continúa sendo o gran leito universal de solidariedade para levar a mensaxe evanxélica e o auxilio humanitario a todos os recunchos do mundo.

▶ MÁIS INFORMACIÓN NA WEB OFICIAL DO CENTENARIO DO DOMUND 👈

Axenda e datos prácticos

  • Eucaristía do Domund, presidida polo bispo: domingo 18 de outubro, ás 19.45 horas, a igrexa parroquial de María Auxiliadora (Rolda de Don Bosco, 6).
  • Difusión nas rúas:
  • Luns 12 de outubro, de 10.00 a 15.00 horas, na Rúa Príncipe de Vigo.
  • Sábado 17 de outubro, de 10.00 a 15.00 horas, no Mercado do Calvario (Rúa Urzáiz, Vigo)
  • Charlas en colexios: do martes 13 ao venres 16 de outubro, en horario lectivo matutino.
  • Oración Nova polo Domund: mércores 14 de outubro, ao 21.00 h, na igrexa do  Corazón de María (Rúa Honduras, 7).
  • Mesa Redonda: venres 16 de outubro, ás 20.30 horas, nos salóns parroquiais de Santiago o Maior (entrada por Rúa Roupeiro).
  • Vixilia da luz: sábado 17 de outubro, ás 18.00 horas, no templo parroquial de San Francisco Xavier (Rúa Sanjurjo Badía, 79).
  • Testemuño de Misión en Vigo e Tui: domingo 18, ás 12.00 horas, na concatedral-basílica e na catedral.
  • Concerto Solidario: domingo 18 de outubro, ás 18.00 horas, na igrexa parroquial de María Auxiliadora (Rolda de Don Bosco, 6).