16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

A diocese de Tui-Vigo celebrou o día da Acción Católica e o Apostolado Segrar

A diocese de Tui-Vigo celebrou o día da Acción Católica e o Apostolado Segrar
FOTO.- El obispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidió la vigilia de Pentecostés

No marco da solemnidade litúrxica de Pentecostes, o sábado 7 de xuño, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidiu a eucaristía con motivo do Día da Acción Católica e o Apostolado Segrar, na concatedral-basílica de Santa María de Vigo. Esta celebración foi un dos actos previstos na programación da XLII Semana de Apostolado Segrar que, entre o 2 e o 8 de xuño, organizou na cidade olívica a delegación episcopal de Apostolado Segrar da diocese. 

Durante a eucaristía, que contou coa participación de representantes de diferentes movementos e asociacións laicais presentes na diocese de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín lembrou que «Pentecostes é a festa da diversidade —de dons, carismas…—, na que caben xuntas todas as culturas e toda condición humana». Neste sentido, «o Espírito fala de crear comunidade, do nacemento da Igrexa, de romper con medos que atenazan, de confianza, de risco na misión e no exercicio da misericordia. O Espírito convídanos a ser fermento na masa coa alegría do Evanxeo», subliñou o prelado.

O bispo de Tui-Vigo finalizaba a súa intervención convidando a acoller a presenza do Espírito Santo, que renova e fortalece para levar a cabo a misión do Reino: «co Espírito somos curados, liberados, transformados. O Espírito lémbranos que somos fillos amados de Deus; lémbranos as palabras de Xesús e ensínanos que camiños tomar e como camiñar xuntos. É quen fai sempre novo á Igrexa, quen a renova e quítalle ese cheiro tantas veces rancio e húmido que afasta á xente».

O martes 3 de xuño, a diocese de Tui-Vigo inaugurou a XLII Semana de Apostolado Segrar cunha mesa redonda titulada «Para quen son? Chamados á Misión», na que se compartiron  diferentes testemuños do Congreso nacional de Vocacións —unha vintena de persoas da diocese tudense asistiron a este encontro en Madrid, o pasado mes de febreiro—. Ademais desta mesa redonda, o xoves 5 de xuño, o doutor en Historia e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Anxo Rodríguez Lemos, impartiu a conferencia «Remisión, liberdade e grazas; repaso polas raíces, o sentido(s) e a historia dos Xubileu».

Cada ano, coincidindo coa solemnidade de Pentecostes, a Igrexa en España celebra o día da Acción Católica e do Apostolado Segrar. Baixo o lema «Testemuñas de esperanza no mundo», os bispos da Conferencia Episcopal Española lembraron dous eventos importantes: o Sínodo sobre a Sinodalidad e o Congreso de Vocacións, que se celebrou o pasado mes de febreiro, «como expresión da comuñón eclesial, son signos de esperanza para a nosa Igrexa que anhela seguir facendo camiño, subliñando a diversidade de vocacións para a misión evanxelizadora. A vocación da Igrexa é a misión, o anuncio explícito de Xesucristo con palabras e con obras».