O venres 29 de maio, o Seminario Maior «San Xosé» en Vigo acolleu o encontro de oración polos froitos da visita do papa León XIV a España que, ao longo dos últimos meses, impulsou a Conferencia Episcopal Española para prepararse para este acontecemento histórico. O encontro foi unha oportunidade para renovar a nosa fe, fortalecer a comuñón e impulsar a nosa misión evanxelizadora como comunidade diocesana.
O delegado de Patrimonio e Arte Sacro da diocese de Tui-Vigo, Santiago Vega, foi o encargado de dar comezo ao encontro cun taller na capela do Seminario Maior sobre o significado da mirada, facendo así referencia ao lema da visita do pontífice «Alzar a mirada». Santiago Vega convidou os asistentes a percorrer a capela buscando contemplar aquela imaxe que máis lles chamase a atención. Esta primeira parte finalizou cun pequeno momento de compartir experiencias e impresións.
A continuación, a artista internacional Lindiana Murphy ofreceu un concerto-testemuño para mostrar a realidade das persoas migrantes: as vivencias e sentimentos que aniñan no seu corazón ao ter que deixar os seus fogares e as actitudes que atopan no país de acollida. Lindiana, natural de Matanzas, Cuba, é unha compositora prolífica, unha arreglista innovadora e unha produtora musical visionaria, cuxa paixón pola diversidade conduciuna, ao longo dos anos, a explorar repertorios de países como Angola, Namibia, Perú, Brasil, Arxentina, Cabo Verde, Timor Oriental, Guinea-Bissau, Xeorxia, Estados Unidos, República Dominicana e México.




Desde hai algúns anos, cada vez máis adultos achéganse á Igrexa solicitando recibir o sacramento do Bautismo. O pasado mes de outubro, iniciouse un novo grupo de catecumenado de adultos que, o pasado 31 de maio, recibiron os tres sacramentos de iniciación cristiá. Adriana, Santiago e Igor forman parte deste grupo e compartiron a súa experiencia durante os meses de formación, así como o seu testemuño de fe .
Este encontro finalizou coa eucaristía na capela do Seminario presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, quen unxiu co óleo dos catecúmenos aos adultos que, o domingo, recibirían os sacramentos de iniciación cristiá. Ao fío do lema da visita apostólica do papa León XIV, durante a celebración, o prelado tudense expresou que «necesitamos esa mirada de fe para descubrir que non estamos sós, para entrar nesa esperanza e descubrir no outro un irmán. De pouco serve cantar o himno da visita ou participar en actividades, se iso non nos fai construtores de Reino e máis comprometidos coa Igrexa. Esta visita vai máis aló dunha cousa externa. Temos que mirar o corazón para descubrir que aí está Cristo, dicíndonos a súa palabra a través do seu sucesor».




Ademais deste encontro de preparación para a chegada do papa León XIV, a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo organiza unha vixilia de oración, o venres 5 de xuño, ás 21.30 horas no templo parroquial da Nosa Señora do Rocío.
A Igrexa en España espera con expectación a chegada do sumo pontífice que visitará Madrid, Barcelona e Canarias, entre o 6 e o 12 de xuño de 2026. Este acontecemento «chega como chamada á comuñón eclesial, á esperanza e á renovación do corazón cristián, para que Xesucristo sexa anunciado con sinxeleza e firmeza na vida cotiá, nas familias, nas parroquias, na cultura e no servizo aos máis vulnerables».