O sábado 14 de decembro, ás 10.30 horas, no Seminario Maior «San José» en Vigo, a delegación de Pastoral Vocacional de Tui-Vigo organiza un encontro diocesano para transformar a cultura vocacional da diocese e ofrecer un espazo no que (re)descubrir a vocación de cada persoa no medio do mundo e da comunidade eclesial. Ademais, a convocatoria contribuirá a visibilizar e preparar o Congreso nacional de Vocacións que a Conferencia Episcopal Española organiza do 7 ao 9 de febreiro de 2025, baixo o lema «Asemblea dos chamados para a misión».
Anxo Carniceiro, delegado de Pastoral Vocacional da diocese de Tui-Vigo, explica que «vivimos nunha sociedade e nunha Igrexa que reduciu a vocación a un número determinado de sacramentos —sacerdocio, matrimonio, vida consagrada…—, cando, en realidade, todos estamos vocacionados; todos somos chamados a cumprir a misión de Cristo: anunciar a Boa Noticia». Para impulsar esta idea, o pasado mes de novembro a delegación lanzou a campaña audiovisual «Porque es amado, es chamado», que nos lembra a necesidade de sentirnos amados por Deus para descubrir que somos chamados a formar parte do seu proxecto de salvación; só así, poderemos acoller a vontade de Dios para cada un.