O domingo 1 de decembro, ás 12.00 horas, na capela do colexio Maristas Santa María da cidade tudense, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidirá a eucaristía de acción de grazas polo labor realizado pola comunidade de Irmáns Maristas que, durante 115 anos, acompañaron a infancia e a mocidade no seu proceso de formación e desenvolvemento. Tras a celebración que tamén contará coa presenza do bispo emérito, Mons. Luís Quinteiro, haberá un viño español no pavillón do colexio.
Desde a súa fundación en 1909, a obra dos Irmáns Maristas en Tui foi encamiñada fundamentalmente á formación dos seus aspirantes ou seminaristas. Pola casa pasaron numerosas promocións de mozas e mozos que, desde as primeiras décadas do século XX ata 1995, recibiron formación, estudos e preparación profesional. A partir de 1996, a casa convértese no Colexio Maristas Santa María en réxime de concerto coa Xunta de Galicia para Educación Infantil, Ensino Primario e Ensino Secundario. Agora, a pesar de que xa non haxa unha comunidade relixiosa de modo presencial, o carisma dos Irmáns Maristas continuará difundíndose a través do colexio que seguirá en funcionamento.