O luns 13 de abril foi un día grande para a Diocese de Tui-Vigo, pois foi a celebración do seu patrón, San Telmo, quen é tamén patrón da cidade tudense e dos navegantes.
O bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidiu a Eucaristía solemne na Catedral de Santa María de Tui, que comezou coa procesión das reliquias ou «da coronilla» polo interior do templo catedralicio e polos exteriores do mesmo.
Na Eucaristía celebrada na solemnidade de San Telmo ao Sr. Bispo e ao Cabildo Catedralicio, acompañaron na Misa Solemne: D. Santiago Agrelo, arcebispo emérito de Tánxer; D. Alfonso Carrasco, bispo de Lugo; D. Leonardo Lemos, bispo de Ourense; D. Mikel Garciaendía, bispo de Palencia; o Vicario Xeneral de Braga, os Deáns de Santiago de Compostela, Palencia e Lugo, así como numerosos sacerdotes da nosa Diocese.
Participaron ademais o alcalde da cidade de Tui, D. Enrique Cabaleiro, quen realizou a Ofrenda a San Telmo; a corporación municipal de Tui; autoridades civís e militares e centos de devotos do glorioso San Telmo.
Durante a homilía, Mons. Antonio Valín expresou que en San Telmo “vemos como desde a sinxeleza, a pobreza (…) foi facendo realidade o Reino de Deus“. Neste contexto de Pascua o Sr. bispo lembrou ademais as palabras do Papa sobre o camiño da santidade, ese desexo que todos debemos perseguir, e que “nos leva a facer extraordinario o ordinario“.
A Ofrenda a San Telmo realizouna o alcalde da cidade de Tui, D. Enrique Cabaleiro, quen expresou a San Telmo que portaba nas súas palabras “as necesidades e os desexos de todos os tudenses, máis aló das súas ideas e crenzas, da súa condición e opción de vida, neste tempo incerto, tormentoso, de violencia e guerra que non respecta nin o dereito internacional”.
As celebracións relixiosas en honra ao santo continuaron ao longo do día coa homenaxe aos confrades falecidos o ano pasado, que acolleu a capela de San Telmo e na que interveu a banda de música da Brilat. A xornada finalizou coa procesión coa imaxe do santo polas rúas de Tui, que terminou coa ofrenda floral a San Telmo na Praza de San Fernando.