O mércores 3 de xullo, no marco da Oración Nova que, cada semana, convoca a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo no templo parroquial do Corazón de María, o bispo e administrador apostólico, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a vixilia de oración, organizada pola Vigairía de Pastoral para dar grazas a deus e pedir polo bispo electo D. Antonio Valín Valdés.
Durante a súa intervención, o bispo Mons. Luís Quinteiro expresou que «coa nosa oración unímonos ao noso pastor e facemos no noso corazón un oco para poder recibilo con gozo e con alegría». Desde o sábado 25 de maio, cando a Nunciatura Apostólica en España publicou o nomeamento de D. Antonio Valín Valdés como bispo electo de Tui-Vigo, a diocese espera a súa chegada «como o bo pastor que vén en nome do Señor; como o pastor que vén estar no medio do seu rabaño e que non o abandona, aínda que haxa momentos difíciles», manifestou Mons. Luís Quinteiro. O sacerdote Antonio Valín Valdés, bispo electo de Tui-Vigo, será ordenado bispo e tomará posesión do seu cargo na diocese o vindeiro sábado 20 de xullo, ás 11.00 horas, na catedral tudense. Ao día seguinte, domingo 21 de xullo, ás 18.00 horas, o xa bispo titular presidirá unha misa estacional na concatedral-basílica de Vigo.