O pasado 15 de marzo, a capela do Seminario Maior «San Xosé» en Vigo acolleu a vixilia de oración presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín. Cada ano, ao redor do «Día do Seminario», que a Igrexa en España celebra o 19 de marzo, coincidindo coa solemnidade de san Xosé, a Adoración Nocturna Española (ANE) de Tui-Vigo organiza este encontro de oración para interceder polas vocacións sacerdotais.
Durante a súa intervención, o prelado tudense expresou que todos «somos convidados por Deus a escoitar ao seu fillo e a poñer, así, a nosa confianza e a nosa esperanza nel. En definitiva, cada un de nós —con nome e apelidos, coa nosa historia persoal, mesmo co noso pecado— é profundamente amado e chamado por Deus. Todos somos amados e chamados. Esa é a razón do noso encontro. Vimos contemplar e adorar a Deus, porque queremos lembrar ese amor e esa chamada en xeral e, despois, queremos concretalo na vocación ao ministerio presbiteral».
En relación ao sacerdocio, monseñor Antonio Valín subliñou que «cando un acolle a chamada de Deus a entregarse no ministerio sacerdotal, o primeiro que sente é asombro ante a inmensidade dese Deus que nos chama, que se fixa en nós e que quere que levemos adiante o seu proxecto. Cando un se dá conta de que non pode vivir doutra maneira, descobre que ser sacerdote é un agasallo para un mesmo e para toda a comunidade».
Con máis de 125 anos de presenza no territorio diocesano, a Adoración Nocturna Española de Tui-Vigo conta, na actualidade, con aproximadamente 400 adoradores que se reúnen periodicamente para adorar o sacramento da Eucaristía, o que supón un total de 36 quendas de adoración repartidos por diferentes parroquias da diocese.


