Con motivo do Ano Xubilar de San José, convocado polo papa Francisco o pasado 8 de decembro, a delegación de Liturxia e a Vigairía de Pastoral decidiron musicalizar a oración que o bispo de Roma publico na súa carta apostólica Patris Corde —Corazón de Pai—. O prefecto de música da Catedral de Tui foi o encargado de realizar este traballo que, ademais, conta coa colaboración de María Mendoza nos arranxos e coas voces de varios mozos diocesanos e alumnos do colexio San Xosé de Cluny, que fixeron posible dispoñer desta oración en formato audio.
A oración musicalizada estreouse ao termo da eucaristía que presidiu o bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro, na parroquia viguesa de San Xosé Obreiro e Santa Rita para celebrar, hoxe, 1 de maio, a solemnidade de San Xosé Obreiro. Para dala a coñecer, a Vigairía de Pastoral creou un vídeo con diferentes imaxes dos santo presentes en varios templos diocesanos; ademais, tamén contou coa colaboración de diferentes pais que quixeron testemuñar a súa vocación á luz de San Xosé.
A partir de hoxe, a partitura e a gravación de audio da oración a San Xosé estarán dispoñible na sección de “Recursos” da web diocesana.