19 de Abril de 2026,
San León IX

A diocese de Tui-Vigo ora pola vida contemplativa

A diocese de Tui-Vigo ora pola vida contemplativa

Coincidindo coa festividade da Santísima Trindade, o domingo 15 de xuño, ás 19.00 horas, a diocese de Tui-Vigo celebrou a Xornada Pro Orantibus, cun encontro de oración organizado pola delegación para a Vida Consagrada, no mosteiro da Transfiguración do Señor das irmás Beneditinas de Transmañó . Nesta ocasión, a Conferencia Episcopal Española convocou a xornada baixo o lema «Orar con fe, vivir con esperanza».

Con motivo desta xornada, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, escribiu unha mensaxe no que expresa que, «como a música, non se ve, pero si se percibe e dálle outra maneira ao noso vivir cotián. Nas présas diarias, nas ocupacións frenéticas de cada día, nos traballos pastorais das comunidades e dioceses, na vida de cada persoa no medio da sociedade, [a vida contemplativa] é a música de Deus, a luz que aluma, que nos lembra que é o nuclear da nosa existencia: a presenza silenciosa e elocuente, activa e transformadora de Deus no medio de nós».

O prelado tudense finalizaba a súa mensaxe agradecendo «a música que as comunidades contemplativas da nosa diocese están a facer soar, cada unha co seu estilo e peculiaridade. Todas elas, desde o silencio e a vida oculta en Deus e en fraternidade, fan resoar a música de Deus na comunidade diocesana, e son remanso de paz e esperanza para cuantos achegámonos aos seus mosteiros, porque todas encarnan esa vocación-misión de amor no seo da Igrexa».

Na diocese de Tui-Vigo, viven 35 monxas de vida contemplativa presentes en 6 mosteiros de clausura.  Hai tamén   237 consagrados e consagradas de vida activa pertencentes a 36 congregacións distribuídas en 44 comunidades dedicadas principalmente ao ensino, atención   de   maiores   e   diversos   labores   apostólicos; hai   tamén   15 consagradas de 2 institutos seculares. Estas 237 persoas manifestaron en todo tempo unha exemplar dedicación e entrega á súa vocación particular.

Cada ano, coincidindo coa festa da Santísima Trindade, a Igrexa en España celebra a Xornada Pro Orantibus para orar por aqueles que oran continuamente por nós e polo aumento de vocacións a este estilo de vida. Ao mesmo tempo constitúe unha invitación para renovar o compromiso contemplativo da vocación eclesial de todo o Pobo de Deus. Tal e como expresaba Bieito XVI, «estes lugares, aparentemente inútiles, son os “pulmóns” verdes dunha cidade: fan ben a todos, mesmo aos que non os frecuentan e talvez ignoran a súa existencia».