No ano 2023, a delegación de Misións e Cooperación entre as Igrexas da diocese de Tui-Vigo recadou 89.104,62 euros para soster a presenza da Igrexa católica nos 1.117 Territorios de Misión, nos que se celebra un de cada tres bautismos do mundo. Como cada ano, o terceiro domingo de outubro —este ano será o 20 de outubro— celébrase o Domingo Mundial das Misións, máis coñecido como o Domund, que convoca Obras Misionais Pontificias (OMP), o leito da Igrexa para o sostemento dos Territorios de Misión.
En comparación ao exercicio anterior, produciuse un aumento da recadación que, no ano 2022, non alcanzou os 80 mil euros —en concreto, recadáronse 78.874,87 euros—. A diocese de Tui-Vigo agradece a xenerosidade de todas esas persoas comprometidas co Domund que, ano tras ano, contribúe ao sostemento da misión evanxelizadora da Igrexa.
A diocese de Tui-Vigo conta cun total de 20 misioneiros e misioneiras —13 membros de vida consagrada, 5 sacerdotes e 2 laicos—, que contribuíron co seu labor para mellorar a realidade de países como Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Madagascar ou Perú, entre outros. Destaca a presenza do bispo de Abancay (Perú), Mons. Gilberto Gómez González, natural de Alveos (Crecente) ou do sacerdote diocesano, natural de Cabral, Gumersindo Domínguez Alonso, que, aos seus máis de 100 anos, continúa a súa misión en Colombia.
España, con máis de 10 mil misioneiros repartido por todo o mundo, é o segundo país que máis colabora co Domund —por detrás dos Estados Unidos—, contribuíndo, deste xeito, ao sostemento desas Igrexas novas que, tras ser fundadas por misioneiros, están aínda en crecemento e non son autosuficientes nin humana nin economicamente. Grazas á xenerosidade dos españois, durante o ano 2023, recadáronse 8.914.063,91 euros, mediante os que se puideron financiar 366 proxectos en 170 dioceses, distribuídas por 29 países de todo o mundo.
Baixo o lema «Ide e convidade a todos ao banquete», Obras Misionais Pontificias lembra que o Domund é a gran oportunidade para unirse e formar parte da misión da Igrexa. Desde a delegación de Misións de Tui-Vigo convida a todos os diocesanos e diocesanas a ser testemuñas deste labor de tres maneiras: unha forma sinxela que é a oración; outra forma de participación activa na misión da Igrexa é a colaboración económica na Xornada do Domund ou ao longo do ano; e, finalmente, convídase a ofrecer o tempo persoal xa sexa como voluntarios —en España contamos con 1.689 voluntarios nas delegacións diocesanas e parroquias— ou como misioneiros —cada ano, desde España, unhas 10 mil persoas dedican o tempo para facer unha experiencia misioneira—. Na súa mensaxe para este ano, o papa Francisco tamén destaca que «a misión universal require o compromiso de todos […]. Por tanto, unha estreita cooperación misioneira resulta hoxe aínda máis urxente e necesaria na Igrexa universal, así como nas Igrexas particulares».