Onte, martes 29 de abril, ás 19.00 horas, a concatedral-basílica de Santa María en Vigo tinguiuse de morado para acoller o primeiro dos dous funerais polo eterno descanso do papa Francisco que, ao longo desta semana, organiza a diocese de Tui-Vigo. A celebración estivo presidida polo bispo tudense, monseñor Antonio Valín, acompañado polo emérito, monseñor Luís Quinteiro, o bispo de Abancay (Perú), monseñor Gilberto Gómez, e un grupo de presbíteros.


Tras a proclamación do Evanxeo, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, destacou a figura do papa Francisco, «un home evanxélico en palabras e xestos», que soubo ensinar ao pobo de Deus a descubrir o amor de Deus, traducido «en misericordia, proximidade, acollida, ilusión, esperanza, perdón, inclusión…». Neste sentido, desde o inicio «o papa Francisco convidounos a volver aos nosos inicios: anunciar a Cristo a todos! El compartiu connosco o seu proxecto: unha Igrexa pobre para os pobres, que é o proxecto de Xesús de Nazaret. Respectando a tradición da Igrexa, afirmou —coa palabra e cos xestos— que para chegar aos corazóns é necesario o amor, a tenrura e a misericordia».
A invitación de Francisco a anunciar o Evanxeo ía da man da alegría, tal e como lembrou monseñor Antonio Valín: «alegría a ser fillos amados, á fraternidade universal, á sinodalidade, a anunciar a vida que nos trae Xesús; a comunicar o Evanxeo». A chamada a «saír ás periferias» para ser unha «Igrexa-hospital de campaña» transmitiuna cun «estilo sinxelo, o dos pequenos do Evanxeo. A súa linguaxe era comprensible por todos, con naturalidade e moita espontaneidade, incluso correndo o risco de ser pouco preciso ou de cometer algún erro, do que non dubidaba en pedir perdón», manifestou o bispo de Tui-Vigo. O seu estilo e linguaxe achegaron «o papado á sociedade e á Igrexa, desde a humildade daquel sábese nun proxecto que non é del, do que só é unha testemuña».


Ante o sentimento de dor provocada pola noticia do falecemento do papa Francisco, o prelado exhortou aos fieis a non quedarse só no recordo: «a mellor homenaxe sempre é empeñarnos —persoal e eclesialmente— en levar á práctica o seu ensino, con palabras e obras. O mesmo ensinounos que a voz ten que ir acompañada de signos proféticos. Non podemos quedarnos en ser meros espectadores, non somos un club de fans; o noso é implicarnos, complicarnos e gastarnos nisto, con palabras, pero sobre todo con obras».
En relación á situación que vive a Igrexa ante a falta do sucesor de Pedro e a proximidade da celebración do Conclave, monseñor Antonio Valín expresou que «para moitos é un momento de tensións internas e leas no seo da Igrexa. Temos que vivir este momento desde a fe: Cristo é o Bo Pastor, o único pastor que guía, acompaña e empuxa á súa Igrexa. O seu Espírito, neste momento, daralle á Igrexa un pastor con cheiro a ovella que nos acompaña, coñecendo e compartindo os nosos sufrimentos».


Lembrando esa habitual petición do papa Francisco ao termo das súas intervencións —«rezade por min»—, o prelado tudense lembrou que «seguimos pedindo por ti» e solicitou a intercesión de Francisco que, esperamos, poida gozar xa do descanso eterno na casa do pai misericordioso. Finalizou dando grazas pola vida de Jorge Mario Bergoglio, o papa Francisco, que durante máis dunha década de pontificado, traballou incansablemente en favor da misión da Igrexa: dar a coñecer o amor de Cristo no medio do mundo de hoxe.
O vindeiro venres, 2 de maio, ás 11.00 horas, a catedral de Santa María en Tui acollerá un segundo funeral polo eterno descanso do papa Francisco que faleceu, o pasado 21 de abril, aos 88 anos de idade. Esta celebración tamén estará presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín.

A diocese de Tui-Vigo recomenda a todos os diocesanos que teñan presente nas súas oracións ao papa Francisco e, á súa vez, solicita a cada sacerdote que, dentro dos días hábiles que establece a liturxia, celebre coa maior solemnidade posible unha misa polo santo pai, nalgunha das parroquias máis poboadas das que teña ao seu cargo.